Levo visto a Léria en directo varias veces. E si, teñen enerxía, teñen ganas, teñen presenza enriba dun escenario. Pero hai algo que xa comeza a resultar canso: a obsesión constante por meter no medio do concerto o discurso de que son lesbianas, como se a súa orientación tivese que ser o centro da súa proposta artística.
A música non é gay, nin lésbica, nin trans, nin cis, nin queer, nin non-binaria. A música non entende de etiquetas de xénero nin de orientación sexual. A música é música. É ritmo, é melodía, é letra, é emoción. O que fai grande unha canción non é quen a compón nin con quen se deita, senón a súa capacidade de moverche por dentro, de facerche cantar a berros ou chorar en silencio.
É certo que vivimos nun tempo no que a diversidade se reivindica —e ben que está—, pero cando esa bandeira se converte en argumento central, repetido ata a saciedade en cada concerto, a sensación que queda é que a música pasa a segundo plano. ¿E non era diso do que se trataba?
A día de hoxe existen xéneros musicais recoñecidos por todo o mundo: rock, pop, indie, jazz, blues, reggae, punk, rap, trap, techno, metal, clásica, folk, funk, soul, ska, electrónica, incluso fusións sen fin. Iso son xéneros. Iso son linguaxes musicais. O demais son etiquetas sociais ou identitarias que poden ter o seu lugar, pero que non deberían ocupar o espazo que lle corresponde ao que de verdade se sube ao escenario: a canción.
Ao mellor, despois de repetir tanto discurso, o que habería que conseguir é medrar a nivel musical, mellorar a nivel instrumental, traballar máis as letras. Porque xa son elas as que determinan a mensaxe. Non fai falta estar repetíndoa ata a saciedade. Facemos música para transmitir, para emocionar, para contar historias. Non para saturar nin aburrir.
Quizais ese discurso serve para gañar posicións en festivais, para destacar nun cartel cheo de nomes. Pero o certo é que o que se valora de verdade, o que queda cando se apagan as luces, é a música, a creatividade, a forza das cancións.
Porque a música non é masculina, nin feminina, nin lésbica, nin gay, nin trans. A música é de todos.