O BNG pide á Xunta que remate o estudo de impacto ambiental do Porto Mixto de Corcubión “á maior brevidade posible”

O deputado Oscar Insua impulsa iniciativas para axilizar a tramitación da infraestrutura, e solicita incluír unha partida económica nos orzamentos do goberno galego do vindeiro ano.

O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, presentou diversas iniciativas no Parlamento galego para reclamar á Xunta de Galiza que remate o estudo de impacto ambiental do Porto Mixto de Corcubión “á maior brevidade posible,” e a sometelo a información pública e consultas ás administracións públicas afectadas este mesmo ano, así como incluír nos vindeiros orzamentos autonómicos unha partida con dotación suficiente para licitalo e iniciar a súa execución.

A formación nacionalista indicou que vai para ano e medio desde que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático difundía no DOG o anuncio polo que se facía público o informe de impacto ambiental do proxecto de Remodelación das instalacións portuarias de Corcubión, promovido por Portos de Galiza, comunicando que non era posible a tramitación ambiental simplificada polos “posibles efectos adversos sobre o medio ambiente”, polo que o proxecto debía someterse a avaliación de impacto ambiental ordinaria. 

O BNG avanzou que a última información que teñen da Consellería de Medio Ambiente é de xaneiro deste ano, respondendo a unha pregunta escrita impulsada por Oscar Insua, na que afirmaba que estaban na fase de elaboración do estudo de impacto ambiental.

“As embarcacións recreativas seguen sen ter un porto deportivo onde amarrarse con seguridade, e asistimos de novo á mesma serie anual de incidentes na ría de Corcubión; o 30 de xuño deste ano un veleiro fondeado na ría rompeu amarras e foi á deriva; o 25 de xullo un iate a motor tamén quedou á deriva fronte ao peirao ao perder a áncora; e este 2 de setembro outro veleiro tivo que ser rescatado cando estaba golpeándose contra o peirao de Quenxe sen tripulación”, sinalaron os nacionalistas, que afirmaron que de estar o porto mixto construído, estes sucesos non terían ocorrido.

Oscar Insua manifestou que “parece que o Partido Popular demora a elaboración do estudo de impacto ambiental a propósito para telo despois de decembro e ter a desculpa perfecta para non incluír un céntimo nos orzamentos do 2026, atrasando outro ano máis as obras” e engadiu que “aínda sabendo o desinterese mostrado polo presidente de Portos para facer o porto mixto en Corcubión, dende o BNG exiximos ao PP que cumpra as promesas de hai 16 anos co noso pobo, e que aceleren os trámites dunha vez por todas”

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios