Os senadores amósanse “escépticos” toda vez que, en materia ferroviaria “con Sánchez Lugo sempre saíu perdendo, como cando anulou as variantes previstas por Rajoy condenando a ser a única provincia sen AVE”.
Os senadores do PP lucense interésanse dende a Cámara Alta por coñecer se o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible encargou un estudo para avaliar as posibilidades de desenvolver servizos de cercanías na rede ferroviaria da provincia de Lugo.
Ante o recente anuncio do Ministro Puente no que foi incapaz de concretar ningún tipo de servizo para Lugo, os populares trasladan ao Senado a súa preocupación pola “falta de compromiso do Goberno de Sánchez coas infraestruturas e servizos ferroviarias da nosa provincia”.
Os senadores lucenses do Partido Popular queren que o Ministerio explique se encargou un plan en materia de cercanías ferroviarias na provincia e, nese caso, que ofreza unha data certa sobre cando se van coñecer as súas conclusións. E, en caso contrario, que argumente as razóns que levan a excluír aos lucenses deste tipo de proxectos.
CON SÁNCHEZ LUGO SEMPRE PERDE
Os populares amósanse escépticos sobre os anuncios do Ministro toda vez que, “con Sánchez Lugo sempre saíu perdendo, como cando anulou as variantes previstas por Rajoy condenando a ser a única provincia sen AVE. Lugo está tamén fóra do Corredor Atlántico de Mercadorías e continúa sen recuperar frecuencias reestruturadas antes do verán nin os servizos eliminados pola pandemia”.
Os senadores do PP lembran que “Lugo conta cunha das peores conexións ferroviarias de España” con “poucas frecuencias e horarios que non permiten facer xestións en Madrid nun mesmo día e sen recuperar frecuencias eliminadas pola pandemia, o servizo co País Vasco e o tren-hotel a Barcelona”. Polo tanto, convidan ao Goberno de España a traballar “por garantir servizos de calidade aos lucenses”.
“Pedimos o que é xusto: non mentir nin facer falsas promesas aos lucenses e garantir un servizo propio do século XXI porque non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco podemos permitir que nos traten de menos”, conclúen.