O PSdeG de Taboada destaca os resultados da colaboración socialista: melloras en sete vías e a recuperación da Casa Escola de Meixonfrío

O PSdeG-PSOE de Taboada celebra a finalización de importantes proxectos no municipio grazas ao apoio da Deputación de Lugo. A través dun convenio de colaboración con 105.000 euros de investimento, a institución provincial financiou a mellora de sete vías municipais e o avance na rehabilitación da Casa Escola de Meixonfrío para convertela nun local social.

As obras, xa rematadas, incluíron o arranxo de accesos a vivendas en parroquias como Xián, Vilela, Moreda e Castelo, así como a mellora de varios tramos en pistas clave. Destaca o arranxo integral da vía que une Friamonde e Couso, acceso fundamental ao miradoiro do Banco do Cuco. Ademais, xa están en marcha os traballos para recuperar a Casa Escola de Meixonfrío, que levaba anos en estado de abandono, co obxectivo de dotala dun novo espazo comunitario.

O alcalde e Secretario Xeral do PSdeG de Taboada, Roi Rigueira Agromartín, subliñou que «estas melloras resolven necesidades históricas da nosa veciñanza». Ademais, lembrou que este convenio é só unha parte da «colaboración continua» coa Deputación. En 2025, asináronse dous acordos máis para destinar preto de 138.000 euros á rehabilitación da antiga Cámara Agraria e outros 250.000 euros para mellorar camiños, adquirir maquinaria e reforzar servizos.

Rigueira recalcou que «sen o compromiso socialista sería moi difícil acadar investimentos desta magnitude» e agradeceu ao presidente da Deputación, José Tomé Roca, a súa «disposición permanente a atender as necesidades de Taboada». Concluíu que «cando Concello e Deputación traballan da man, os proxectos fanse realidade e melloran a vida diaria da xente».

Comparte éste artículo
No hay comentarios