A vila de Noia celebra a primeira Feira de Artes Plásticas “Camiño da arte”

O Concello de Noia presentará os días 19, 20 e 21 de setembro a primeira edición da Feira de Artes Plásticas “Camiño da arte”, un punto de encontro para artistas locais que buscan achegar a súa obra á veciñanza e fomentar o diálogo coa cidadanía arredor da creación artística.

A feira terá lugar no Claustro do Concello e contará cunha ampla programación que inclúe exposición e venda de obras, así como demostracións en directo de pintura e caricatura. Ademais, esta primeira edición rende homenaxe ao insigne escultor noiés Felipe de Castro, coincidindo co 250 aniversario do seu pasamento.

A concelleira de Cultura, Chelo Martínez, destacou “a grande satisfacción tanto do Concello como da organización polo número de participantes, que alcanza os 17 nesta primeira edición, sentando así unha boa base para o futuro desta iniciativa”.

A inauguración celebrarase o venres 19 ás 19:00 horas e contará coa actuación do violinista local Fernando Docampo, que amenizará o acto. Os días 20 e 21 a feira permanecerá aberta de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 horas.

Con esta proposta, Noia reforza o seu compromiso coa cultura e co apoio aos seus artistas locais, converténdose durante tres días nun escaparate da creatividade plástica da vila.

Comparte éste artículo
No hay comentarios