Con motivo da Semana Europea da Mobilidade, o sindicato CCOO de Galicia pide ao Goberno central que poña en marcha «canto antes» o proxecto de tren de proximidade en catro zonas da comunidade. Para o sindicato, esta é unha «reivindicación histórica» fundamental para vertebrar o territorio e asegurar unha mobilidade laboral «accesible e sostible».
Ademais, Comisións Obreiras esixe que a futura Lei de Mobilidade Sostible recoñeza a mobilidade laboral como un «dereito social básico e universal». Para iso, a futura lei debe obrigar a empresas e administracións a crear plans específicos para eliminar as barreiras físicas e burocráticas que dificultan o acceso ao transporte.
O sindicato tamén se refire á AP-9, cuxa concesión a Comisión Europea considera «ilegal». CCOO defende que esta infraestrutura estratéxica, que conecta cinco das sete cidades galegas, debe ser pública e gratuíta. Argumentan que a clase traballadora xa pagou a súa construción e mantemento dabondo, e que non pode seguir sufragando peaxes que «empobrecen os petos» dos usuarios.
CCOO subliña que a mobilidade é un dereito e un servizo público, non un privilexio nin un negocio. Por iso, defende un transporte público frecuente e cómodo, con prezos accesibles para todos os colectivos, especialmente para a mocidade, os pensionistas e as familias con baixos ingresos. A organización sindical insiste en que estas medidas son cruciais para Galicia, dada a dispersión e o envellecemento da súa poboación.
Para concluír, o sindicato demanda que se acelere a descarbonización do transporte, apostando pola mobilidade eléctrica, a dixitalización e a mellora da seguridade viaria e ferroviaria. Segundo CCOO, isto non só mellorará a sostibilidade, senón que tamén xerará emprego e favorecerá unha transición xusta no sector.