Inés Rey celebra a chegada de Women in a Legal World a Galicia para “romper o teito de cristal” no sector xurídico

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou hoxe na inauguración do capítulo galego da asociación Women in a Legal World (WLW), un acto que tivo lugar no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Durante o evento, a rexedora subliñou o seu compromiso coa igualdade e fixo un chamamento para eliminar as barreiras que frean o talento feminino.

No encontro, que contou con representantes do poder xudicial, a avogacía e o sector empresarial, Rey afirmou que “é unha honra estar aquí, como alcaldesa, como avogada e como muller comprometida coa xustiza e coa igualdade, para inaugurar o capítulo galego de Women in a Legal World”. Tamén destacou o lanzamento como “unha declaración de intencións” para construír un sistema legal máis inclusivo.

A alcaldesa lembrou que “as mulleres xa representamos ao redor do 57% da carreira xudicial en España, e en Galicia esa porcentaxe ascende a máis do 60%”. Con todo, advertiu de que «este desequilibrio non se debe a falta de talento, senón a barreiras estruturais que seguen limitando o acceso das mulleres a postos de responsabilidade, o que chamamos teito de cristal”.

Inés Rey centrouse na conciliación como un dos principais obstáculos, denunciando que “as xornadas interminables e a falta de flexibilidade fan que moitas mulleres se cuestionen se poden —ou deben— aspirar a postos de responsabilidade”. Por iso, reclamou políticas públicas que fomenten a corresponsabilidade e recoñezan o valor dos coidados.

Para rematar, a alcaldesa comprometeu o apoio do Goberno municipal á nova etapa de WLW en Galicia, asegurando: “Podedes contar comigo e co meu Goberno para o que precisades. Oxalá este sexa o comezo dunha nova etapa na que as mulleres non só sexan maioría na base, senón tamén na cima”.

Entre as persoas que interviñeron no evento atopábanse o presidente do TSXG, Ignacio Picatoste; a presidenta de WLW, María M. Pardo de Vera; a responsable de WLW Galicia, Carolina González Chas; e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado. A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, tamén asistiu ao acto.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios