ABANCA e o Consorcio Casa de América inauguraron un novo espazo expositivo na sede do Palacio de Linares en Madrid: a Galería Casa América-ABANCA. A súa estrea é coa mostra ‘Arte entre continentes. Colección ABANCA’, que explora os lazos artísticos entre Europa e América a través de 62 obras da Colección de Arte ABANCA.
Durante o acto, o director xeral de Casa de América, León de la Torre Krais, destacou que “grazas á colaboración con ABANCA, membro do noso alto padroado, remodelamos por completo as nosas salas de exposicións para afianzarnos no corazón do eixo cultural Prado-Recoletos. Hoxe inauguramos unhas instalacións modernas e seguras para acoller unha exposición que reflicte o espírito de conexión que nos une a ABANCA e tamén o labor desta Casa desde hai 35 anos: renovar pontes e mostrar a riqueza da comunidade iberoamericana”.
Pola súa banda, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, subliñou que ‘Arte entre continentes’ é unha “escenificación concreta da poderosa metáfora do encontro entre Europa e América”. Ademais, salientou que este acordo co Consorcio Casa de América reforza o compromiso de ABANCA e de Afundación, a súa obra social, coa difusión da cultura e a arte.
Ao evento asistiron máis dun centenar de representantes do ámbito cultural e empresarial, entre eles Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA; Miguel Ángel Escotet, director xeral de RSS e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación; e Diego Cascón, responsable da xestión artística da Colección ABANCA, quen ofreceu unha visita guiada pola mostra.
‘Arte entre continentes’, un percorrido por unha colección de referencia
Concibida especificamente para a nova galería, a mostra ‘Arte entre continentes’ afonda nos vínculos artísticos e históricos entre ambos os dous continentes. A exposición inclúe obras de 33 artistas que viviron ou traballaron en ambos os dous lados do Atlántico, como Salvador Dalí, Joan Miró, Pablo Picasso, Joaquín Torres García ou Wifredo Lam. Tamén están presentes figuras crave da arte galega, como Castelao, Arturo Souto, Luis Seoane ou Francisco Leiro. A exposición, que convida a reflexionar sobre os fluxos artísticos e humanos, poderá visitarse de forma gratuíta ata o 29 de novembro.
Con máis de 1.300 obras, a Colección de Arte ABANCA é un dos fondos artísticos corporativos máis importantes de España e o máis destacado de Galicia, declarado Ben de Interese Cultural (BIC). A colección inclúe pintura, escultura, fotografía e outras disciplinas, con obras de máis de 200 artistas modernos e contemporáneos.