O PSdeG critica que o PP “perde unha oportunidade histórica” ao limitar a participación na reforma do Himno

O Grupo Socialista lamenta que o PP «perdeu unha oportunidade histórica» para implicar á cidadanía na reforma do Himno de Galicia. A voceira socialista na Comisión, Silvia Longueira, denunciou hoxe no Parlamento que o Partido Popular impuxo as súas normas de funcionamento, limitando a participación social e reducindo o número de comparecentes.

A proposta do PSdeG, pola contra, buscaba un proceso máis aberto e participativo, que incluíse a filólogos, historiadores, musicólogos, sociólogos e artistas. Entre os nomes propostos para comparecer estaban representantes do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como profesores universitarios e o catedrático Manuel Ferreiro Fernández.

O obxectivo socialista era que a Comisión analizase en profundidade a historia do himno para adecualo ao poema orixinal de Pondal. Ademais, a proposta incluía unha fase de consulta pública para recoller suxestións e garantir que a nova letra fose «inclusiva, coherente cos valores democráticos, pacifistas e progresistas».

Finalmente, o Grupo Socialista abstívose na votación das normas de funcionamento en protesta pola negativa do PP a incorporar as súas achegas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios