Silvia Longueira: «O PP galego bloquea un informe sobre as axudas á vivenda xuvenil»

A portavoz de Mocidade do Grupo Socialista, Silvia Longueira, lamentou hoxe que o Partido Popular de Galicia se negase a realizar un informe detallado sobre a xestión do Bono Alugueiro Mocidade por parte da Xunta. O PP rexeitou a proposición non de lei presentada por Longueira na Comisión do Parlamento, que solicitaba depurar responsabilidades pola deficiente tramitación destas axudas.

A proposta de Longueira reclamaba á Xunta a elaboración dunha listaxe coas solicitudes do Plan estatal de acceso á vivenda 2022-2025 que quedaron sen resolver. A portavoz socialista esixe que o goberno galego dea contas da súa “falla de xestión” e habilite un mecanismo para “restituír a todos aqueles solicitantes que puidesen verse afectados”.

A representante socialista lembrou que o goberno galego xa deixou a milleiros de mozos e mozas sen estas axudas na convocatoria de 2022. Naquela ocasión, a Oficina da Valedora do Pobo fixo público que a Xunta, das 14.441 solicitudes recibidas, só puido resolver 5.500 expedientes antes de rematar o ano, o que deixou a moitos mozos e mozas sen o seu dereito e sen capacidade de reclamar.

Ademais, Longueira sinalou que tamén se produciron damnificados na xestión dos fondos na convocatoria de 2024 por erros na tramitación. A portavoz concluíu a súa intervención reclamándolle á Xunta un informe detallado e transparente sobre a xestión destas axudas que, a pesar de “proviñeren do Estado, na Xunta e no PP venden como propias”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios