A Deputación da Coruña inviste máis de 340.000 euros na nova estación náutica do lago das Pontes co apoio dos fondos europeos

Este proxecto enmárcase nun plan que prevé un investimento total de 3 millóns de euros para impulsar iniciativas sostibles en Ferrolterra, Eume e Ortegal a partir dos fondos Next Generation.

A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación as obras de acondicionamento do terreo e acceso á auga para a futura estación náutica no lago das Pontes, cun investimento de 340.536,35 euros procedentes dos fondos europeos Next Generation que o Goberno de España destina a impulsar un modelo de turismo sostible nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

As empresas interesadas en executar estes traballos teñen ata o día 29 de setembro para presentar as súas ofertas.

As obras contemplan a creación dunha explanada dotacional de máis de 3.800 metros cadrados que permitirá a práctica de actividades náuticas e deportivas. Este espazo contará cunha zona de escaleiras e gradas para o acceso de embarcacións de remo como kaiaks, así como cunha rampla de ata 14 metros de ancho destinada a barcos de vela lixeira e lanchas pneumáticas de apoio. O proxecto inclúe ademais a instalación de servizos de electricidade, abastecemento, drenaxe e saneamento, cun sistema específico para a recollida e bombeo das augas empregadas na desinfección obrigatoria das embarcacións.

As actuacións tamén prevén a execución de muros de escollera de contención, unha zona de limpeza e desinfección das embarcacións de 50 metros cadrados, novos elementos de seguridade como varandas e sinalización vertical, e a dotación de iluminación pública mediante proxectores LED de baixo consumo enerxético.

O presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou que se trata dun proxecto “cunha clara vocación sostible, que pon en valor o lago das Pontes como recurso natural e turístico, ao tempo que ofrece novas posibilidades para a práctica do deporte náutico e o lecer”. Formoso subliñou que “a chegada dos fondos europeos permítenos facer realidade investimentos estratéxicos que fortalecen a economía local e diversifican o futuro dun territorio que é industria, pero tamén natureza, patrimonio e turismo”.

O proxecto insírese nun ambicioso plan que prevé unha inversión global de 3 millóns de euros para impulsar iniciativas sostibles en Ferrolterra, Eume e Ortegal. Entre elas figuran tamén melloras nas Fragas do Eume e no proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, co obxectivo de consolidar un modelo turístico diferenciado, ligado á calidade ambiental, ao deporte e á experiencia cultural.



Comparte éste artículo
No hay comentarios