Gómez Besteiro insta o Parlamento galego a condenar por unanimidade o xenocidio en Gaza

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, abriu esta mañá a interparlamentaria socialista cunha mensaxe clara: Galicia non pode permanecer allea nin ás emerxencias que padece nin á traxedia que se vive en Gaza. Besteiro reclamou a unanimidade de todo o Parlamento galego para condenar o xenocidio e proclamou: “O Parlamento galego debe falar alto e claro. Non podemos mirar para outro lado”.

O encontro, que reuniu a representantes socialistas no Congreso, Senado, Parlamento europeo e Parlamento galego, serviu para marcar un novo tempo de mobilización política en todo o país, reforzando a presenza do partido no territorio para denunciar as emerxencias que afectan a Galicia.

Unha condena unánime e firme

Antes do encontro, Besteiro e os representantes socialistas protagonizaron unha acción simbólica nas escaleiras do Parlamento galego, formando a bandeira de Palestina con paneis. O líder socialista subliñou que «ninguén pode permanecer calado diante desta masacre» e denunciou que se trata dun “xenocidio, un crime masivo e indiscriminado”.

Besteiro lembrou que o PSdeG xa rexistrou unha petición para un minuto de silencio no próximo Pleno e unha declaración institucional que deixe constancia do rexeitamento unánime da Cámara.

Ante a inacción da dereita, Besteiro foi moi crítico coa postura do PP: “Se non recoñecen o que está pasando, ou viven noutro planeta ou, peor, é que non lles importa o que pasa neste planeta”. O líder socialista asegurou que a situación en Gaza permanecerá no centro da súa acción política: “A política pode cambiar as cousas, e imos facelo desde aquí, con compromiso firme contra esta masacre”.

As emerxencias de Galicia, no foco da acción socialista

A interparlamentaria serviu tamén para trazar a folla de ruta para un novo ciclo de mobilizacións socialistas por todo o territorio galego. Besteiro advertiu que «Galicia está en emerxencia», citando o deterioro da sanidade pública, o drama da vivenda, o retroceso do galego e as emerxencias climática e institucional fronte ao avance da ultradereita.

Neste sentido, Besteiro acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de poñer os intereses de Galicia por baixo dos ditados de Feijóo e lanzou unha advertencia: “O futuro do país está en xogo. Chega a hora de escoller: defender Galicia ou renderse outra vez ao que mande Madrid”.

A AP-9, “gratuidade inmediata e total”

Ao remate do encontro, e a preguntas dos medios, Besteiro foi rotundo sobre a autoestrada AP-9. “Queremos a gratuidade inmediata”, afirmou, e asegurou que é posible chegar ao 100% de bonificación, xa que agora mesmo se aplican descontos do 75%. O líder socialista lembrou que foi o PP quen prorrogou a concesión e as peaxes “gravísimas” e concluíu que o que “Galicia merece” é a liberación total da autoestrada, sen depender de transferencias á Xunta.

Comparte éste artículo
No hay comentarios