Os senadores defenden que “o Goberno de España debe recuperar a fórmula das microformacións -pequenos cursos formativos centrados, precisamente, en campos coma o turismo, a hostalería ou o sector primario- que estaba funcionando en Galicia e dando resultados positivos”.
Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- lamentan a decisión do Goberno de Sánchez “de eliminar as microcredenciais” como opción para que os estranxeiros poidan obter unha autorización de residencia temporal por razóns de arraigo socioformativo, circunstancia confirmada a través dunha resposta oficial do Executivo central a preguntas dos populares na Cámara Alta.
Os senadores lucenses apuntan que “a súa supresión no novo Regulamento da Ley Orgánica sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España aprobado polo Goberno de Sánchez e que entrou en vigor o 20 de maio supón a perda de oportunidades para os empregadores que precisan man de obra e para os propios estranxeiros interesados en traballar” que os obriga a recorrer a autorizacións máis limitadas como o arraigo laboral e social.
Os senadores populares por Lugo mantiveron unha reunión con representantes da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e Turismo (APEHL) que preside Cheché Real na que explicaron que “este é un dos sectores que ten dificultades para atopar suficiente man de obra”. A pesar da oferta de emprego no sector, non se completa cos demandantes de emprego dispoñibles. “E os estranxeiros interesados teñen dificultades para incorporarse ao mercado laboral” debido á supresión da formación específica de curta duración que permitía regularizar a súa situación e á lentitude e ao colapso de moitos trámites por parte do Goberno de Sánchez.
Ata a reforma do Regulamento de estranxeiría, a vía formativa das microcredenciais como unha posibilidade de arraigo a través da formación era unha vía legal para que estranxeiros poidan obter permiso de residencia temporal. Deste xeito, os interesados en regularizar a súa situación podían realizan unha formación específica coa que capacitarse para o mercado laboral español e, en particular, naqueles sectores que teñen especiais dificultades para atopar suficiente man de obra.
As microcredenciais son cursos formativos de corta duración moi útiles para determinados sectores con alta demanda de traballadores como a hostalería, a pesca, o turismo, a atención sociosanitaria, a gandería, a produción agroalimentaria, a construción ou a limpeza e o mantemento.
Os populares cren que “o Goberno de España debe recuperar unha fórmula que estaba funcionando en Galicia e dando resultados positivos”. De feito, recentemente catro entidades que colaboran coa Xunta -Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas de Lugo, as Escolas Familiares Agrarias de Galicia e a ONG Rescate Internacional- superaron o centenar de beneficiarios dos que máis dun 70% conseguiron un traballo indefinido en España. En Galicia o proxecto realizouse a través das chamadas microformacións, pequenos cursos formativos centrados, precisamente, en campos coma o turismo e a hostalería.
COMPETENCIAS SOBRE PERMISOS DE TRABALLO
O Grupo Popular tamén pedirá desde a Cámara Alta o apoio á demanda da Xunta pola que pide ao Goberno o traspaso a Galicia das competencias sobre os permisos de traballo de estranxeiros.
Concretamente, a iniciativa dos senadores demanda, máis en concreto, ao Goberno de España autorizar o traspaso efectivo a favor da Comunidade Autónoma de Galicia das competencias e dos medios persoais e materiais necesarios para a tramitación e resolución das autorizacións iniciais de traballo por conta allea e propia, dos permisos para actividades laborais de tempada e das autorizacións vinculadas ás estadías de longa duración por razóns de estudo, mobilidade de alumnado, voluntariado ou formación, de persoas estranxeiras cuxa relación laboral se desenvolva en Galicia. Esta mesma demanda xa se solicitou recentemente de xeito formal por acordo do Goberno galego.