Parlamento de Galicia Rúa do Hórreo, 63
15701 Santiago de Compostela
Asunto: MANIFESTACIÓN DE DESCONFORMIDADE COA PROPOSICIÓN DE LEI DE MODIFICACIÓN DA LEI 3/2012, DO DEPORTE DE GALICIA
Estimados/as membros do Grupo Parlamentario Popular de Galicia:
A Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA), entidade que agrupa e representa ás federacións deportivas de Galicia e que na actualidade integra a máis do 12% da poboación galega, quere manifestar, a través da presente carta, o seu profundo descontento e preocupación pola proposición de lei presentada por ese grupo parlamentario relativa á modificación da Lei 3/2012, de 2 de abril, do deporte de Galicia.
En particular, queremos mostrar a nosa firme oposición á medida que pretende limitar os mandatos das presidencias das federacións deportivas galegas a un máximo de tres lexislaturas. Consideramos que unha decisión deste calado debería terse adoptado unicamente logo dun proceso de diálogo real co conxunto das federacións, que somos as primeiras afectadas pola aplicación desta normativa. A ausencia de consulta previa resulta incomprensible e preocupante, especialmente tendo en conta que falamos de entidades que funcionan baixo un réxime electoral estritamente regulado pola Xunta de Galicia, cunha duración, garantías democráticas e nivel de esixencia moi superiores aos procesos doutros cargos de natureza política.
Non entendemos, polo tanto, o interese en limitar os mandatos das federacións deportivas e non aplicar o mesmo criterio a outros cargos de responsabilidade política, moitos dos cales son designados por confianza ou a través de procedementos electorais de menor rigor e duración.
Cómpre lembrar, ademais, que a maioría das presidencias das federacións deportivas non son cargos profesionalizados, senón responsabilidades asumidas con carácter vocacional e altruísta. A implantación dun límite estrito de mandatos podería provocar que persoas con ampla experiencia e coñecemento do tecido deportivo galego se vexan obrigadas a abandonar a súa actividade, xerando unha perda de talento, continuidade e estabilidade que resultaría prexudicial para o deporte galego.
A UFEDEGA non pode aceptar unha medida que, lonxe de favorecer unha maior transparencia, parece que responde máis ben a un criterio intervencionista, que pretende proxectar unha falsa imaxe de bo goberno, cando en realidade se está a limitar
a capacidade de decisión democrática dos/as federados/as, que son quen lexitimamente deben decidir quen os representa.
Por todo o exposto, reservámonos o dereito de defender publicamente os dereitos e a honorabilidade do deporte federado galego, denunciando esta proposta sempre que sexa necesario, ao entender que non responde ao interese xeral do noso movemento deportivo.
Na confianza de que estas reflexións sexan tidas en conta durante a tramitación parlamentaria da proposición de lei, reciba un cordial saúdo,
Atentamente,
A Xunta Directiva de UFEDEGA