Movemento Sumar Galicia cualifica de «responsables intelectuais» a PP e Vox polo ataque racista a un centro de menores en Monforte

Movemento Sumar Galicia rexeita e condena de maneira rotunda o ataque ocorrido esta madrugada contra o futuro centro de menores migrantes en Monforte. Dous cócteles molotov foron lanzados ao interior do edificio, provocando «importantes danos materiais».

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, sinala os partidos da dereita, especialmente o PP e Vox, como «responsables intelectuais» deste ataque. «Co seu discurso deshumanizante contra as persoas migrantes, poñen as súas vidas en perigo», declara López, engadindo que as súas palabras «xeran o caldo de cultivo para a violencia».

López subliña que «claro que Feijóo e Abascal non lanzaron este cóctel molotov, pero son responsables intelectuais dun ataque racista. Atacan ás persoas vulnerables co seu discurso, por moito que sexan escuadristas os que exerzan a violencia directa».

A organización tamén apunta directamente á conselleira Fabiola García por sumarse á «utilización espuria» das persoas migrantes, especialmente menores, para confrontar co goberno local de Monforte e o goberno estatal. «Segregar e culpabilizar é excluír e sinalar, e fomenta condutas racistas e violentas», manifesta Paulo Carlos López. «A conselleira demostra o grande que lle queda o posto e o pouco que lle importa o benestar dos menores».

Movemento Sumar Galicia critica a elección do espazo para acoller os menores, xa que «demóstrase como a peor das opcións» por ser un lugar «inseguro» e «segregador». Para a formación, «a Xunta non pode garantir a protección e benestar deses nenos, que é a súa única obriga».

Finalmente, Movemento Sumar Galicia mostra o seu rexeitamento ao «ataque racista» e agarda que «os responsables directos se vexan ante a xustiza pronto», e que se faga pagar democraticamente «aos responsables intelectuais».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios