Inicio de temporada para os equipos cadete.
Logo das derrotas na casa na que foi a xornada inaugural da categoría, o Infor -B feminino e o júnior masculino do Club Santo Domingo Betanzos estrean a condición de visitantes nos enfrontamentos desta fin de semana do 20-21 de setembro. O equipo feminino, o máis madrugador, visita o pavillón de “Batallóns” o sábado ás 10h, para enfrontarse ao Baxi Ferrol, con seguridade un dos equipos máis duros do campionato, mentres que os júnior masculino esperan o domingo á tarde para xogar contra o equipo coruñés de Kempape no Ventorrillo (17h).
Polo demais, e á espera do debut do resto de categorías, a fin de semana contempla a estrea dos equipos cadetes do club. O Grelo recibe no José María Valeiro Iglesias “Tocayo” a Salesianos o sábado ás 12h, o J.Caamaño Arquitecto desprázase á Coruña para medirse a Maristas o domingo á mesma hora, e o Decornaveira, o conxunto feminino, xoga contra Montrove o sábado ás 17h en Mera.
Descanso do primeiro equipo tras a derrota fronte a Culleredo
Polo que toca ao o Ineltrón Santo Domingo, o primeiro equipo do club, o conxunto de Jose Amando “Soviético” e Alberto Caamaño “Jimbo” suma a súa xornada de descanso na Copa Galicia logo de perder por 88-71 fronte a Traumacor Culleredo, o mércores pasado, no que foi o seu terceiro encontro nesta clásica competición de pretemporada. O partido, que chegou ao descanso con vantaxe 40-41, caeu do lado local tras un terceiro e cuarto períodos completamente aciagos para os de Betanzos, que chegaron a estar trinta puntos abaixo logo dunha seca anotadora de varios minutos. Pese aos esforzos da plantilla, o conxunto betanceiro acabou notando as baixas de Luis Portilla por paternidade e Dani Martín por motivos laborais.