A nova Coordinadora Comarcal de Pontevedra do PSdeG-PSOE, liderada por Guillerme Pérez Agulla, manifestou a súa «profunda preocupación» pola situación de «abandono e mala xestión» que, segundo o partido, sofre a comarca por parte da Xunta de Galicia.
Na súa primeira reunión de traballo, a nova Coordinadora acusou á Xunta de «afogar os concellos» ao transferirlles competencias sen a dotación económica necesaria, especialmente en servizos como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou a xestión dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES).
O PSdeG sinala que a situación empeorou co «sectarismo» da nova Deputación de Pontevedra e un modelo de emerxencias «obsoleto» da Xunta, que deixa a municipios con moita superficie forestal «á súa sorte», como é o caso de Cerdedo-Cotobade. O novo coordinador, Guillerme Pérez Agulla, lembrou que aínda hai miles de expedientes de limpeza de montes sen resolver e que o goberno autonómico mantén unha nova Lei Integral de Incendios sen aprobar.
«Foi unha verdadeira sorte que a comarca non sufrise as vagas de lume que padeceron noutras provincias, pero non se pode deixar ao azar a seguridade dos nosos veciños», manifestou Pérez Agulla, quen subliñou a necesidade de actuar «antes de que volvamos a esquecer o que aconteceu este verán».
A xuntanza serviu tamén para debater outros problemas como a situación da sanidade pública e a «mingua de servizos» na área sanitaria de Pontevedra, así como as «prácticas caciquís» dalgún alcalde do PP. A coordinadora manifestou tamén o seu apoio á compañeira Verónica Pichel, desbancada da alcaldía de Forcarei polo apoio dun tránsfuga, e pechou a reunión co compromiso de traballar para unha maior colaboración entre os concellos.