A praza Castelao de Corcubión volveu a acoller este luns 22 de setembro unha concentración para dar respaldo ao pobo palestino ante o xenocidio que está a sufrir por parte do Estado sionista de Israel.
Leuse un comunicado no que se denunciou a situación de extrema gravidade en Gaza. O exército de Israel continúa a atacala e forzando á poboación a fuxir. As atrocidades teñen un único obxectivo: varrer a poboación palestina á procura do negocio da reconstrución, da especulación urbanística, da tomada de posesión dos xacementos gasistas que se encontran diante da Faixa de Gaza, e da idea supremacista dunha terra só para as e os colonos. Unha limpeza étnica con todas as letras ao servizo dos intereses imperialistas.
Sen o apoio dos Estados Unidos e da Unión Europea, Israel non poderia levar 2 anos masacrando civís e arrasando toda Gaza. Por iso insistimos en ligar o xenocidio ao pasado inmediato de ocupación e apartheid. O xenocidio é unha fase máis, a máis cruel e salvaxe, dun plano colonial que avanza paso a paso desde hai case 8 décadas. E o sionismo é a ideoloxía que lle dá soporte.
A solidariedade galega entendeuno perfectamente, e por iso leva dous anos de mobilización social permanente contra o sionismo, negándose a normalizar un estado ocupante. Por iso boicoteouse a participación da equipa Israel Premier Tech en La Vuelta. E por iso haberá unha mobilización o 4 de outubro contra a presenza de Ehud Olmert na Toxa. Non hai que esquecer que este sionista ordenou bombardear Gaza durante 22 días consecutivos na operación Chumbo Derretido, cando era primeiro ministro israelí.
No acto, ademais, informouse que o vindeiro domingo 5 de outubro está convocada en Compostela unha manifestación nacional de solidariedade con Palestina. Saída ás 12h da Alameda.