O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe que o sistema de dependencia en Galicia está «roto e colapsado» por culpa da Xunta, que se nega a asumir as súas competencias. «Temos concellos afogados, profesionais saturados e persoas dependentes esquecidas en listas de espera interminables», afirmou Besteiro tras reunirse con representantes de 13 concellos.
Os socialistas acusan ao goberno de Rueda de non trasladar aos concellos os máis de 70 millóns de euros extraordinarios que o Goberno de España destinou a Galicia a través do Plan de Choque 2020-2023. Segundo os datos expostos, Galicia é hoxe unha das comunidades que menos inviste en dependencia, cun gasto de 1.073 € por persoa, fronte á media estatal de 1.825 €.
Profesionais sobrecargados e listas de espera
Besteiro explicou que a Xunta leva 16 anos sen aprobar un Plan Estratéxico de Servizos Sociais, o que provoca que miles de traballadoras e traballadores soporten unha sobrecarga laboral e baixos salarios. Tamén sinalou que as persoas usuarias sofren demoras de máis de 13 meses para o recoñecemento da dependencia, o dobre do prazo legal establecido.
A voceira de Servizos Sociais do PSdeG, Silvia Longueira, denunciou que a Xunta «vive instalada nunha falacia permanente» ao afirmar que financia máis do que lle corresponde. «En realidade, dos 12 euros que reciben os concellos, 7 chegan do Estado e só 5 da Xunta», aclarou.
Pola súa banda, a alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da FEGAMP, María Barral, advertiu que «os concellos licitan xa por riba dos 24 euros a hora, cando a Xunta só achega 12». A alcaldesa engadiu: «Son persoas que merecen dignidade e apoio, e a Xunta estalles dando as costas».
Ataque en Monforte e a política da ultradereita
A preguntas dos xornalistas sobre o ataque a un centro de menores en Monforte, Besteiro denunciou que esa espiral de violencia e odio «é fomentada pola ultradereita e asumida sen contemplacións pola dereita». O líder socialista criticou a resposta da Xunta, que é «xerar centros de concentración», cando Galicia, con 2,7 millóns de habitantes, é «perfectamente capaz de protexer e integrar a 244 menores sen recorrer a fórmulas segregadoras».
Besteiro ligou esta situación coa necesidade de «non dar nin un só paso atrás fronte ás políticas ultras e cargadas de odio» e puxo como exemplo o recoñecemento do Estado Palestino por parte do Goberno de España. «O que acontece a miles de quilómetros tamén nos afecta, e Galicia non pode quedar á marxe dese compromiso colectivo», concluíu.
Besteiro, xunto á deputada Silvia Longueira, a alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da Fegamp, María Barral, e portavoces socialistas e concelleiras e concelleiros responsables de política social en diferentes concellos:
-Yolanda Aguiar, de Vigo.
-Nereida Canosa, da Coruña.
-Olga López Rocamonde, de Lugo.
-Natalia González Benéitez, voceira do Grupo Socialista en Ourense.
-Bibiana Peixoto, de Nigrán.
-Nuria Lameiro, de Gondomar.
-David Alonso, do Porriño.
-Alejandro Figueroa, de Mos.
-Marta Figueroa, de Culleredo.
-Yolanda Bello, de Miño.
-Catrina Queijo, de Cerceda.
-Diego Díaz, alcalde de Val do Dubra.