O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou que na xornada de hoxe, coincidindo co día mundial sen coches, o bus urbano pode utilizarse de maneira gratuíta durante toda a xornada. Arroxo afirmou que «queremos promocionar o transporte público e os medios alternativos ante o vehículo privado, medios de transporte que permiten reducir a pegada de carbono e contribuír a crear unha cidade máis amable coas persoas».
«Deixando o coche na casa e apostando polo transporte público, a bicicleta ou facendo os desprazamentos a pé colaboramos para facer de Lugo unha cidade máis limpa e ecolóxica», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «desde a área de Mobilidade aproveitamos esta data o ano pasado para peonalizar temporalmente a Mosqueira e descubrir a importancia da humanización do noso monumento e do uso que no futuro se lle dará a esta praza, cuxa obra xa está en proceso de contratación». «Este ano, aproveitaremos o Día Europeo sen Coches para presentar proxectos importantes para a mobilidade en Lugo», explicou Rubén Arroxo.
Ademáis, na tarde de hoxe, a praza Horta do Seminario acollerá unha serie de actividades para toda a veciñanza, con postos de información sobre a Tarxeta Cidadá e as liñas do transporte urbano, ademais de contar cun autobús híbrido onde se realizarán actividades para as nenas e nenos que se acheguen.
Día sen Coches
A celebración do Día sen Coches remóntase ao ano 1994, coas cidades de Reikiavik en Islandia, La Rochelle en Francia e Bath no Reino Unido exercendo como pioneiras desta iniciativa. No ano 1997, Gran Bretaña celebrou a nivel estatal o Día Sen Coches, sendo o primeiro estado en impulsar a celebración desta data. A Comisión Europea declarou no ano 2000 o Día Europeo sen Coches, como data de remate da Semana Europea da Mobilidade, que ten como obxectivo concienciar á poboación do uso do transporte público e dos medios de transporte alternativos, reducindo a dependencia do vehículo privado.