A resposta oficial do Goberno de España ás preguntas formuladas polos senadores populares sobre os compromisos adquiridos e melloras previstas nos horarios de conexión de Lugo con Madrid “desmente ao rexedor socialista”.
Os senadores do PP pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- advirten que “o Goberno de Sánchez non adquiriu compromiso ningún en relación coa comunicación ferroviaria entre Lugo e Madrid” e, polo tanto, subliñan que “o alcalde de Lugo perdeu a viaxe” do pasado mes de xuño para reunirse co presidente de Renfe porque “non conseguiu ningunha mellora para a cidade”. É dicir, “o Goberno de Sánchez desmente oficialmente ao alcalde de Lugo, tamén do PSOE”.
Os senadores preguntaban de xeito oficial ao Goberno de Sánchez polos compromisos adquiridos, as melloras nos horarios de conexión de Lugo coa capital da España, a data na que se comezarían a aplicar e as razóns que xustifiquen que estas melloras non se teñan aplicado xa dende o 9 de xuño en igualdade con outras cidades galegas. Pero, lamentablemente, “o Goberno non se compromete a absolutamente nada. Limítase a dicir que é un servizo comercial e que Lugo dispón dunha conexión directa en sentido Madrid” e, polo tanto, “o tren seguirá chegando á mesma hora, despois das dúas da tarde”.
Precisamente, os populares lamentan que “mentres outras cidades dispoñen de conexión con Madrid a primeira hora da mañá, a conexión dende Lugo non chega ata despois do mediodía impedindo que os viaxeiros poidan facer distintas xestións na capital pola mañá”.
Os senadores lucenses engaden que “seguimos sen alta velocidade” porque, como lembran, “o Goberno de Sánchez rexeitou as variantes que permitirían que circular a velocidade alta pola provincia de Lugo”. Así, “Lugo -xunto con Ferrol- continúa abandonada polo Goberno de Sánchez en conexións ferroviarias”, apuntan. De feito, “os lucenses seguimos tendo que desprazarnos a Ourense para coller o AVE”.
Os populares inciden en subliñar “o agravio de Sánchez e o seu Goberno coa provincia de Lugo” en comparación con outras provincias e cidades toda vez que “Lugo quedaba fóra das melloras nas conexións do tren que si implantou o 9 de xuño para outras cidades”.