O Partido Popular de Lugo denuncia a «falta de planificación e transparencia» do goberno local na xestión do cambio obrigatorio dos contadores de auga, un proceso que debe estar finalizado en outubro de 2025 segundo a normativa estatal.
No Pleno extraordinario celebrado hoxe, a coalición de PSOE e BNG votou en contra da proposta popular, que instaba o Concello a clarificar os modelos de contadores que os veciños deben instalar. Segundo o PP, esta decisión «voltou evidenciar a inacción do bipartito e a súa falta de rumbo».
A normativa estatal, coñecida dende 2020, establece que os contadores de auga con máis de 12 anos de antigüidade deben ser renovados ou verificados antes do 24 de outubro de 2025. O PP critica que, a pesar disto, o goberno local só xenerou «confusión e desinformación» entre os veciños e os profesionais do sector, que seguen sen recibir instrucións claras.
Aínda que votaron en contra da proposta popular, o PP destaca que o goberno local «viuse obrigado a recoñecer que é o Concello quen debe liderar este proceso», unha rectificación que só chegou pola «presión e fiscalización constante» do Grupo Popular.
Os populares conclúen que «cando tes os deberes sen facer e a oposición che amosa os erros, o mínimo é rectificar, poñerse a traballar e pedir desculpas. Iso é o que define a humildade na política». Ademais, lembran a PSOE e BNG que «teñen a responsabilidade de gobernar con seriedade e rigor, porque Lugo non pode seguir pagando a súa improvisación e a súa falta de xestión».