A Xunta regulará o uso da intelixencia artificial no ensino a través da futura Lei de educación dixital

A lei, inédita ata o de agora a nivel estatal e europeo, regulará os dereitos e deberes da nova realidade dixital para blindar a calidade e equidade.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa Xunta Autonómica de Directores e Directoras dentro da rolda de encontros para perfilar o contido da futura Lei de educación dixital que está a impulsar a o Goberno galego coa previsión de completar a súa elaboración este outono para aprobala antes de que remate o curso.

O titular de Educación do Goberno galego agradeceu a participación dos representantes dos equipos directivos dos colexios e institutos galegos para enriquecer o texto, que regulará os dereitos e deberes dos membros da comunidade educativa -administracións públicas, centros, docentes, alumnos e familias- ante os novos retos de transformación social que inciden no ensino.

Neste senso, o conselleiro fixo fincapé en que o texto incluirá un capítulo específico dedicado á intelixencia artificial aplicada ao sistema educativo, co fin de aproveitar “e sacarlle o máximo rendemento ás súas potencialidades”. Para iso, regularase e ordenarase o seu uso para favorecer o proceso de aprendizaxe e minimizar os riscos do seu uso inadecuado. “Trátase de usala ben, poñendo ao docente e ao alumno no centro do sistema”, abondou.

Román Rodríguez subliñou tamén o carácter integral da lei, que aspira a ser un referente fóra de Galicia xa que a día de hoxe non existe ningunha deste tipo a nivel estatal e non consta en Europa. Nela recolleranse cuestións como a regulación da comunicación dixital entre docentes e alumnos fóra do horario lectivo, o aproveitamento responsable da intelixencia artificial ou as condutas contrarias á convivencia no eido dixital.

Consolidación do modelo híbrido

Un dos obxectivos prioritarios é consolidar o modelo galego de ensino híbrido, onde as ferramentas tradicionais se complementan coas novas tecnoloxías co fin de garantir a mellor formación do alumnado. Para isto é necesario dotalo de competencias dixitais para poder desenvolverse dun xeito responsable, seguro, crítico e competitivo.

Ademais de facer fincapé na formación, o texto adecuará o uso das tecnoloxías dixitais nas aulas en función da etapa educativa e conforme ao grao de madurez e desenvolvemento dos estudantes.

Búscase proporcionar aos estudantes as ferramentas necesarias para que saiban manexarse a nivel persoal e profesional nestas contornas. Ademais, farase especial fincapé en aspectos como o benestar dixital, a privacidade e a protección de datos, o dereito á identidade dixital e á intimidade e a accesibilidade universal. Paralelamente, incentivarase a colaboración e a coordinación cos centros e as familias, con sesións específicas de titoría e información.

Comparte éste artículo
No hay comentarios