Antonio Ameijide subliña tamén que “nada se sabe do marcador nin da auditoría sobre a viabilidade para ampliar outras 500 localidades que foran prometidos polo goberno provincial”.
O portavoz popular, Antonio Ameijide, reclama ao goberno provincial de PSOE e BNG “cumprir co Pazo dos Deportes e cos lucenses en materia de deporte”.
Tras visitar as instalacións para comprobar o estado das obras da cuberta, Ameijide explica que “tiñan que estar rematadas en agosto, pero a finais de setembro aínda falta preto da metade”. De feito, “as certificacións e pagos dos que temos constancia que se teñen realizado ata agora, son unha porcentaxe moi pequena do total do investimento anunciado polo goberno provincial”.
O popular apunta que “o goberno de PSOE e BNG incumpre claramente os prazos” e a situación “está afectando aos adestramentos dos clubs que empregan a diario estas instalacións” como son o CB Breogán ou o Ensino CB. Pero, ademais, polo ritmo de execución e o volume do traballo restante, “todo indica que non estará rematado para o primeiro partido oficial na casa do CB Breogán nesta temporada (o domingo 12 de outubro)”.
Antonio Ameijide engade tamén que “os lucenses seguimos sen saber nada do novo marcador prometido, nin da auditoría que se comprometeu a facer a Deputación de Lugo da ampliación do Pazo dos Deportes” para incrementar o aforo en medio millar de localidades toda vez que “os afeccionados continúan agardando abonos que non poden conseguir porque non hai aforo suficiente”.
“Tamén continúan sen solución os mesmos problemas que existían: non só goteiras pola choiva, senón tamén por condensación”.
Os populares pedirán explicacións no vindeiro Pleno da Deputación de Lugo por “tódolos incumprimentos do goberno de PSOE e BNG co Pazo dos Deportes, co CB Breogán, co Ensino CB e con tódolos lucenses”.