A eurodeputada do BNG reclama que os colectivos afectados non sexan boicoteados e interveñan na Eurocámara para trasladar as problemáticas galegas.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera prioritario que as denuncias presentadas na Comisión de Peticións da Eurocámara sobre a instalación de Altri, a manipulación na CRTVG e a contaminación do encoro das Conchas sexan admitidas e os colectivos afectados poidan intervir nas vindeiras sesións desta Comisión.
Segundo manifesta a eurodeputada galega “que as plataformas e colectivos afectados poidan trasladar as problemáticas que afectan a miles de galegos e galegas só redunda no bo funcionamento da propia Comisión de Peticións”, onde xa foron escoitadas as vítimas do Alvia e do Villa de Pitanxo, por exemplo.
Deste xeito, Ana Miranda agarda que na reunión de coordinadores da Comisión de Peticións que se celebrará ao longo desta mañá, os representantes dos diferentes grupos políticos do Parlamento Europeo dean o visto bo para que estas peticións sexan tratadas nos vindeiros meses e a cidadanía galega poida trasladar estes problemas no Parlamento Europeo.
Voz galega en Europa
A eurodeputada do BNG insta aos diferentes grupos que sexan conscientes da importancia de que toda a cidadanía poida intervir para expresar os problemas que lles afectan. “Imos ver que fai o Partido Popular e que fai a extrema dereita desta Cámara, se voltan estar aliados ou non, porque sería unha gravísima discriminación para Galiza”, manifestou Miranda en relación ás denunciaspresentadas polos colectivos contrarios á instalación de Altri en Palas de Rei e polo Comité Intercentros da CRTVG, que foron rexeitadas varias veces polas manobras entre o PP e a extrema dereita.
“Nós como voz galega en Europa estamos a defender os temas galegos para que se traten nesta Comisión de defensa dos dereitos da cidadanía e das causas que son importantes para o noso país”, subliña a eurodeputada do BNG, quen denuncia que o boicot entre a dereita e a extrema dereita está impedindo que poidan falar os galegos e galegas no Parlamento Europeo.