A Xunta reforza os lazos coas empresas galegas asentadas en Florida e destaca o seu papel como embaixadoras do espírito emprendedor galego

Esta viaxe responde á necesidade de manter o contacto cos galegos do exterior e insírese tamén no desenvolvemento da Estratexia Galicia Retorna, tendendo pontes con EEUU e promovendo a imaxe de Galicia como terra de oportunidades.

No marco da súa primeira viaxe institucional aos Estados Unidos, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou en Miami nun encontro con membros da colectividade e empresas galegas asentadas nesta cidade. O obxectivo da reunión foi coñecer de primeira man as demandas e propostas da comunidade residente no país e presentar as diferentes oportunidades de retorno e investimento que Galicia ofrece na actualidade.

Durante a xuntanza —na que tamén estiveron presentes a presidenta da Cámara de Comercio de España nos Estados Unidos e xerente xeral de Abanca en EEUU, Mónica Vázquez, e a cónsul xeral de España en Miami, Belén Alfaro—, o conselleiro destacou a importancia deste tipo de encontros para estreitar lazos comerciais e fortalecer as relacións económicas e sociais que unen a comunidade galega cos Estados Unidos. Nese sentido, puxo en valor o papel da comunidade empresarial galega en Miami, á que definiu como os mellores embaixadores da marca Galicia e un claro exemplo do carácter emprendedor da nosa terra, xerando valor e emprego e contribuíndo ao desenvolvemento económico estadounidense sen esquecer as súas raíces.

Así mesmo, José González subliñou o papel esencial da diáspora na construción da Galicia próspera de hoxe e fixo un recoñecemento especial ao labor das entidades galegas, destacando a súa contribución á preservación da lingua, da música, da danza e das tradicións galegas mediante actividades, conmemoracións e iniciativas culturais. Todo isto, sinalou, demostra que a galeguidade continúa viva tamén fóra das nosas fronteiras.

Estratexia Galicia Retorna

O conselleiro tamén salientou que Galicia, ademais de apoiar a expansión dos negocios galegos no exterior e a súa internacionalización, é hoxe unha terra de oportunidades, aberta á volta da súa cidadanía no exterior para desenvolver proxectos vitais e profesionais, tanto por conta propia como allea.

Neste senso, Indicou que a Xunta pon á disposición das persoas que decidan regresar instrumentos de apoio que facilitan un proceso de retorno ordenado e acompañado referíndose ao cento de medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, dotada con 450 millóns de euros ata 2026.

Encontros en Newark e Nova York

A axenda institucional continuará mañá e pasado en Newark e Nova York. En concreto, mañá o conselleiro visitará o Centro Ourensán de Newark, en Nova Jersey, onde manterá un encontro cos seus representantes, e tamén se achegará ao Club España da cidade.

Ademais, o 27 de setembro José González reunirase en Nova York coas directivas das entidades galegas e españolas dos estados de Nova York e Nova Jersey e participará no acto conmemorativo do 85.º aniversario da Casa de Galicia de Nova York, fundada en 1940 para preservar e promover a cultura e as tradicións galegas nesta zona e servir de punto de encontro para xeracións de galegas, galegos e os seus descendentes.

Comparte éste artículo
No hay comentarios