Máis de 21.000 persoas asistirán aos concertos de Quevedo esta fin de semana na Coruña

O Coliseum transformarase nas noites do 26 e 27 de setembro ao completo para acoller o espectacular escenario 360º da xira Buenas Noches Tour.

Máis de 21.000 persoas asistirán aos directos de presentación de Buenas Noches, o novo disco de Quevedo, os días 26 e 27 de setembro no Coliseum da Coruña. O recinto cambiará a súa disposición habitual para se transformar nun espazo que acolla o espectacular escenario 360º da xira e que permitirá ao público estar arredor do mesmo, de forma circular, ocupando a totalidade das localidades dispoñibles.

Quevedo regresa este outono á cidade herculina xa consolidado como un dos artistas máis importantes da escena da música urbana a nivel mundial e cunha proposta escénica á altura dos máis grandes shows do momento. Buenas Noches Tour é un espectáculo único pola súa despregadura de medios técnicos e, a través dunha produción do máis alto nivel, o canario consolida a súa madurez persoal e artística.  


Buenas Noches Tour
comezou o pasado mes de febreiro en Madrid (tres veces ‘sold out’ no Movistar Arena) para continuar por Latinoamérica. Á volta, Quevedo encheu os principais recintos de As Palmas, Bilbao, Barcelona, e Málaga. Esta fin de semana actuará no maior espazo de eventos indoor de Galicia, o Coliseum da Coruña, antes de pechar a xira estatal en Valencia o 2 de outubro.

Cada noite máis de 10.000 persoas asistirán no Coliseum aos shows do canario, que se converte, desde xeito, no cantante que máis público reunirá este ano en Galicia nun concerto dun recinto cuberto. A montaxe do escenario 360º permitirá que o público ocupe o espazo, de forma circular, na súa totalidade -incluíndo así zonas como o anfiteatro ou a metade do tendido baixo, habitualmente pechadas para os eventos musicais-. A anterior ocasión na que o Coliseum tivo esta disposición foi no 1992, cando acolleu a xira de Frank Sinatra.  

Deste xeito, 33 anos despois, o Coliseum poderá dispoñer de todas as súas localidades para ser testemuña dunha das grandes citas musicais do ano en Galicia e do noroeste peninsular: segundo os datos de venda de billetes das dúas paradas galegas de Buenas Noches Tour, que conta o apoio do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia -e da iniciativa Concertos do Xacobeo-, un 70% do público é de Galicia, mais un 20% procede de Asturias, Castela e León e Madrid, e outro 3% vén de Portugal. 

Se ben as entradas para o directo do xoves 26 están esgotadas desde hai meses, aínda é posible adquirir os últimos billetes para o concerto do sábado 27 en  www.entradas.com

QUEVEDO

Pedro Luis Domínguez Quevedo, máis coñecido polo seu nome artístico, Quevedo, nace en Madrid o 7 de decembro de 2001. Con tan só 4 anos múdase a Gran Canaria, de onde é a meirande parte da súa familia e o lugar no que se sinte na súa casa. Así, o seu traballo vese influenciado pola cultura musical da illa, o hip-hop e os ritmos latinos, principalmente.

Buenas Noches é o seu esperado segundo álbum de estudio, un traballo discográfico que que amosa unha nova perspectiva vida e do mundo ao seu redor; e co cal o artista canario propón redefinir a escena internacional da música urbana en castelán. Cunha innovadora combinación de ritmos impactantes, letras magnéticas e o estilo inconfundible de Quevedo, este LP é, sen dúbida, un dos grandes discos do 2024.

Buenas Noches Tour comezou o pasado mes de febreiro en Madrid. Desde entón, Quevedo visitou México, Puerto Rico, Guatemala, O Salvador, Costa Rica, Perú, Ecuador, Chile, Uruguai e Arxentina. En España actuou en As Palmas (Estadio de Gran Canaria) e en Bilbao (Bilbao Arena BEC!); ademais de ter dobres citas en Barcelona (Palau Sant Jordi) e Málaga (Palacio de Los Deportes Martín Carpena) nas que tamén pendurou o cartel de entradas esgotadas.

Após as paradas da Coruña e Valencia, Quevedo xirará durante tres semanas por Estados Unidos, con todos os billetes practicamente esgotados, para regresar en novembro a Europa: actuará en Milán, Londres e Porto.


BUENAS NOCHES TOUR’ NO COLISEUM DA CORUÑA
Venres 26 de setembro | Apertura de portas 20.30 horas (entradas esgotadas)
Sábado 27 de setembro | Apertura de portas 20.30 horas – últimas entradas á venda en www.entradas.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios