CCOO urxe á Xunta a evitar o colapso do CTAG tras 23 despedimentos e a perda de proxectos

Comisións Obreiras (CCOO) reuniuse o xoves coa Xunta de Galicia para abordar a crítica situación do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), á que acusan de «descapitalización».

Pola parte sindical acudiron a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, e o secretario xeral da Federación de Servizos, Iván Cordeiro. A Xunta estivo representada polo secretario xeral de Emprego, Pablo Fernández López, a directora do IGAPE, Covadonga Toca Carús, e a directora de Formación, Zeltia Lado.

Alerta pola crise e os despedimentos

CCOO trasladou a súa fonda preocupación pola perda de proxectos estratéxicos e polos 23 despedimentos executados nos últimos meses, unha situación sen precedentes nos máis de vinte anos de historia do centro. O sindicato lembrou que parte destas dificultades tamén se deben á redución de encargos por parte dalgunhas das empresas que forman o padroado do CTAG.

Ante este escenario, CCOO reclamoulle á Xunta medidas «urxentes»:

  1. Axilizar as liñas de financiamento público para garantir a estabilidade.
  2. Impulsar novos proxectos que aseguren o futuro do centro.
  3. Colaboración activa para abrir novas áreas de negocio e reforzar o CTAG como motor tecnolóxico de Galicia.

O sindicato subliñou que non abonda con medidas de curto prazo, senón que é necesaria unha estratexia de reforzo a longo prazo.

A Xunta comprométese

A representación do Goberno galego transmitiu a súa «vontade inequívoca de colaboración», asegurando que o CTAG é un centro estratéxico que «non se vai deixar caer». A Xunta comprometeuse a explorar activamente fórmulas de apoio que dean resposta ás necesidades actuais e consoliden o seu futuro.

CCOO asegura que seguirá defendendo o cadro de persoal con firmeza e responsabilidade, reclamando a implicación de todas as partes para que o CTAG siga sendo unha referencia en innovación e emprego cualificado.

Comparte éste artículo
No hay comentarios