O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo e Presidente da Deputación, José Tomé Roca, criticou hoxe con dureza o acordo entre Claudio Garrido e o Partido Popular, cualificándoo como «a maior bazofia política da historia de Sarria».
Tomé Roca, acompañado por dirixentes socialistas, afirmou que este pacto «só busca arranxar os problemas persoais tanto do alcalde como do PP, dándolle as costas aos problemas reais do municipio«.
Acusación de Engano e Transfuguismo
O líder socialista acusou a Garrido e ao PP de desprezar á cidadanía e orquestrar unha «gran mentira» e unha «burla aos votantes». Segundo Tomé, os 15 puntos do acordo son «un canto ao sol», pois son inexecutables a pouco máis dun ano do fin do mandato.
O pacto de Garrido co PP é unha traizón aos seus votantes, un acto escuro e con letra pequena. Claudio vendeuse politicamente ao PP, vendendo ás veciñas e veciños de Sarria. Demostrou que sempre utiliza a política en beneficio propio”, sentenciou.
Tomé tamén lembrou que o propio Garrido criticara no pasado a outros concelleiros por traizoar o voto, situándose agora «no mesmo plano».
Un mal negocio» e división interna
O Secretario Xeral puxo en dúbida o contido do pacto, sinalando a falta de rigor e seriedade no documento:
- Sen rigor: «Non figuran prazos nin contías económicas. Saben que non o poden cumprir, por iso non concretan».
- Antecedentes: Lembrou o caso de Viveiro, onde o PP prometeu millóns e «o único que fixeron foi subirlle o soldo á alcaldesa, nada máis».
- Carga económica: Advertiu que se o Concello asume as estradas da Xunta, o mantemento pasará a pagarse con fondos municipais, o que é «un mal negocio para Sarria».
Ademais, Tomé felicitou aos concelleiros que rexeitaron participar na «farsa» do acordo, e destacou que existe «moita división interna» no propio PP porque o pacto «só pretende servir ás ambicións da súa Presidenta».
Tomé concluíu facendo un chamamento: «Estou convencido de que a inmensa maioría dos votos de esquerda de Garrido volverá confiar na alternativa progresista. Hoxe abre unha nova etapa en Sarria, que debe rematar co mercadeo e a inestabilidade«. O PSdeG-PSOE «vai seguir traballando máis que nunca para limpar o concello«.