A proposta de ampliación da estrada e construción dunha senda depende do informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para poder iniciar a redacción do proxecto, as expropiacións e as obras necesarias.
A Deputación da Coruña continúa á espera do informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia sobre a proposta de actuación presentada para a ampliación e mellora da seguridade da estrada DP 0810 no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4+250 e 4+440, á altura de San Paio – Villa Julia, no concello de Bergondo.
Esta intervención foi cualificada en reiteradas ocasións polo goberno provincial como “necesaria e urxente” debido á alta sinistralidade deste treito, onde se teñen producido múltiples accidentes, un deles mortal, e nas últimas horas tivo lugar un novo accidente sen vítimas, cun camión implicado, que volve evidenciar a precariedade da seguridade viaria neste punto.
O punto afectado presenta un ancho de calzada moi reducido, que varía entre 5,5 e 3,6 metros, sen delimitación de carrís, con curvas de radio moi reducido, escasa visibilidade e sen espazo para a circulación peonil, malia ser unha zona con numerosas vivendas a carón da estrada.
En xuño de 2024, requiriuse ao propietario da finca coñecida como Vila Julia (BOE 11/06/2024) que permitise o acceso á parcela para realizar o levantamento topográfico necesario ou, en caso contrario, que achegase os datos precisos. O propietario enviou documentación, pero incompleta, que foi trasladada igualmente á Dirección Xeral de Patrimonio.
En abril de 2025, Patrimonio solicitou información complementaria, como fotografías de detalle dos elementos singulares e do conxunto da zona afectada, documentación que foi facilitada polo propietario e remitida pola Deputación o pasado 23 de xuño.
Desde entón, a Deputación está á espera do informe definitivo que autorice ou non a proposta de actuación presentada, que o departamento provincial de Vías e Obras considera que “compatibiliza as melloras de seguridade viaria necesarias coa preservación dos bens patrimoniais existentes na parcela”.
A Deputación da Coruña reitera a súa preocupación pola demora na emisión do informe, que está a impedir avanzar na redacción do proxecto, na tramitación das expropiacións necesarias e na execución das obras, fundamentais para mellorar a seguridade viaria da veciñanza.