Estimado señor alcalde,
A Unión Comarcal de CCOO de Lugo, xunto coa Sección Sindical de CCOO no Concello de Lugo, a través das súas delegadas e delegados, diríxese a vostede para informar oficialmente da campaña de recollida de sinaturas levada a cabo nos últimos meses entre a veciñanza da nosa cidade.
Durante esta iniciativa, conseguimos reunir miles de sinaturas, o que evidencia unha ampla mobilización social en defensa dos servizos públicos municipais. Esta participación masiva demostra que a cidadanía está especialmente sensible e preocupada pola calidade da xestión dos seus impostos, esixindo que estes se invistan con responsabilidade e eficiencia, sempre ao servizo do ben común.
As principais reivindicacións recollidas nesta campaña son as seguintes:
-Non á privatización dos servizos públicos municipais:
A veciñanza de Lugo reclama con claridade que os servizos municipais sigan sendo públicos, universais e accesibles, xestionados directamente pola Administración e non por intereses privados.
-Garantía dos dereitos laborais do persoal do Concello:
O respecto ás condicións laborais e profesionais das traballadoras e traballadores municipais é esencial para o bo funcionamento dos servizos e para garantir a estabilidade necesaria na súa prestación.
-Dotación suficiente de medios humanos e materiais en todas as dependencias municipais:
Para que os servizos públicos sexan prestados con celeridade, eficacia e calidade, é imprescindible contar co persoal suficiente e cos recursos materiais necesarios. Só así se pode responder adecuadamente ás necesidades crecentes dunha cidadanía que demanda unha atención digna e eficiente.
Esta ampla resposta social pon de manifesto que a veciñanza está plenamente de acordo con que os seus recursos públicos se xestionen de forma responsable, transparente e co obxectivo de reforzar o público, non de debilitalo. A cidadanía quere servizos ben dotados, áxiles, e ao servizo de todas e todos.
Queremos tamén destacar que vostede, como alcalde da cidade, asumiu persoalmente este compromiso asinando as nosas demandas, feito que valoramos como un xesto de coherencia e responsabilidade institucional.
Por tanto, consideramos que agora é momento de que a Alcaldía e o Goberno municipal dean unha resposta clara, decidida e comprometida coas demandas expresadas por milleiros de persoas nesta cidade. Desde CCOO de Lugo reiteramos o noso compromiso co diálogo e quedamos á súa disposición para manter as reunións necesarias nas correspondentes mesas de negociación para avanzar con urxencia na súa implementación.
Sen outro particular, e agradecendo de antemán a súa atención, reciba un cordial saúdo.