“Ten o Goberno Local algunha novidade para lle contar ás coruñesas e aos coruñeses en relación ao mundial 2030?”, así reza a pregunta oral que o noso concelleiro David Soto lle vai dirixir ao Goberno Local no Pleno do vindeiro xoves.
Con esta cuestión o BNG tentará que o Executivo de Inés Rey despexe algunha das múltiples incógnitas que pairan sobre a candidatura da Coruña para ser sede do mundial de fútbol masculino 2030: que administracións van financiar o proxecto e cal vai ser o seu custo? Que prazos se manexan para licitar a ampliación de Riazor? Quen vai ser o operador privado que explote o estadio e para que fins? Vaise escoller nun concurso aberto?
Como ten denunciado o BNG en múltiples ocasións, até agora a Corporación coruñesa non ten recibido ningunha información sobre un proxecto considerado estratéxico polo Goberno Local. Unha falta de transparencia total que non fai senón incrementar as incertezas sobre cuestións en absoluto menores.
“Queremos saber cal é o estado do proxecto para A Coruña ser sede do mundial 2030. Queremos saber se se chegou a algún acordo con algunha administración ou con algunha empresa. E facémolo porque o BNG non recibiu información por ningures. O Goberno Local está a actuar cunha absoluta falta de transparencia”, refire David Soto.
Esa falta de información non a padecen só os grupos políticos da oposición na Corporación, senón tamén as entidades deportivas da cidade, e nomeadamente aquela, o Deportivo, que é o principal usuario do estadio.
“Temos dereito á información. Nós como grupo político e, por suposto, a veciñanza da cidade. Agardamos que este xoves se nos despexen algunhas incógnitas”, conclúe Soto.