Abril de 1998
Saen a información pública no BOP de Ourense as solicitudes de COREN ao Concello de Sarreaus para instalar unha explotación avícola de 300.000 polos de engorde e outra para ceba de 5.000 porcos no ‘parque empresarial’ de recente creación no corazón da antiga lagoa de Antela. SGHN presentou alegacións a ambas granxas industriais diante do Concello, e alertou á entón Confederación Hidrográfica do Norte, en base aos riscos de “contaminación producida por nitratos e a conseguinte perda da potabilidade das augas e a eutrofización dos cursos e masas acuáticas”. SGHN salientaba que ditos riscos eran “especialmente importantes na zona… pola vulnerabilidade dos acuíferos da Limia, á proximidade aos cursos de auga, atoparse na cabeceira dun curso fluvial, tratarse dunha zona asolagable, e a natureza areosa dos solos, cunha baixa capacidade de retención de auga e nitratos”. Diversas información recollidas de primeira man indicaban que xa nesa época se estaban a aplicar anualmente ata 40 toneladas/hectárea de galiñaza. Non hai resposta.

Agosto de 2007
Preséntase o “Estudo Hidrolóxico – Ambiental de A Limia” da entón Confederación Hidrográfica do Norte. As analíticas das augas do río Limia na estación de control de Ponteliñares (xusto ao final da chaira limiá), ademais de niveis moi elevados de coliformes fecais (indicadores dunha indiscutible contaminación fecal), revelaban niveis elevados de nitritos e (moi) baixos de oxixeno disolto, incumpríndose os valores guía establecidos pola Directiva 2006/44/CE para salmónidos e ciprínidos. Ademais, as augas contiñan concentracións moi elevadas de fósforo disolto que superaban todos os límites de precaución de risco de eutrofización, chegando ata 11-90 veces por enriba dos límites máis prudentes.
Os autores do informe concluían que “esta situación de anoxia parcial na auga, indicadora dunha contaminación orgánica severa normalmente e debida aos procesos de eutrofización das augas, non só imposibilita calquera proceso de recuperación neste tramo do río e a súa viabilidade, senón que tamén a inhabilita para calquera outro uso que se lle queira dar á auga… Os parámetros que presentan valores indicativos de baixa calidade da auga están todos eles asociados a problemas relacionados con malas prácticas agrícolas e unha inadecuada xestión dos seus residuos.”

Outono de 2008
Neste ano a Consellería de Medio Ambiente comeza a solicitar informes a SGHN no trámite de consultas previas a información pública de proxectos. Despois de alegar a dúas granxas en apenas un mes, a comezos de decembro SGHN solicita por primeira vez á D.X. de Calidade e Avaliación Ambiental que “estableza unha moratoria no trámite de solicitudes de instalación ou ampliación de explotacións gandeiras estabuladas na chaira limiá ata que se avalíen os efectos sinérxicos e acumulativos das xa existentes sobre os valores hidrolóxicos, botánicos e faunísticos da Limia… e encomece os trámites para ordenar dende un punto de vista ambiental as explotacións gandeiras estabuladas na chaira limiá”. Non hai resposta.

Primavera-verán de 2011
Cando SGHN leva 11 escritos advertindo dos riscos da proliferación incontrolada de granxas industrias na Limia, acontece o primeiro ‘bloom’ masivo de cianobacterias no encoro das Conchas, converténdoo nunha sopa tóxica verde e azul. Nos medios de comunicación e nas redes sociais, SGHN reitera unha e outra vez que a orixe é a excesiva carga gandeira e a pésima xestión de estercos e xurros augas arriba. Ninguén máis o cre ao principio. Ningunha administración “competente” recoñece a causa do problema.

Novembro de 2012
Un mes antes de que cumprise a ‘maioría de idade’, recoñécese oficialmente que a auga do encoro de Gudín construído para abastecer a Xinzo de Limia non é potable pola presenza de cianobacterias tóxicas. Ao renunciar o concello a usalo, a concesión de augas para o encoro entra nun expediente de caducidade por non destinarse ao fin aprobado. Rematado a finais de 1994, o encoro de Gudín no río Faramontaos (un dos principais afluentes na cabeceira do Limia) custou o equivalente a uns 630.000 € tendo en conta a inflación.
A pregunta pertinente é quen, e como, puido permitir a construción de ata oito granxas (elipses vermellas no mapa) na cabeceira dun pequeno encoro (rectángulo azul) para abastecemento humano?

Verán de 2014
Cando SGHN leva 28 escritos alertando do problema da contaminación da auga na cabeceira do Limia, a Confederación Hidrográfica fai públicos os resultados do estudio isotópico feito en 2012-13 polo Prof. Delgado Huertas (CSIC) para cuantificar a orixe da contaminación difusa por nitratos na bacía do Limia. As analíticas realizadas revelaban que “poucas mostras conservan un sinal típico de fertilizantes orgánicos” e que “os nitratos están moi enriquecidos en 15N o que indica unha contribución importante de residuos gandeiros e/ou a presenza de residuos urbanos non ben depurados”. Isto é, as análises elementais e isotópicas permitían exculpar a un sospeitoso (os fertilizantes químicos) e apuntaban con claridade a outros dous (residuos gandeiros e/ou urbanos), pero non podían ir máis aló.
Pero para esclarecer un ‘crime’ hai que analizar coidadosamente todas as pistas e evidencias. Na “Análise estatística, xeo-hidrográfica, demográfica e de carga gandeira en base ao estudo isotópico do CSIC para a CHMS” feita por SGHN indicábase que unha vía obvia para intentar avanzar na identificación da orixe do problema sería comprobar se as variables analizadas presentaban ou non algunha relación coa poboación humana e a carga gandeira existente augas arriba de cada punto de mostraxe. Respecto diso, a chaira da Limia brinda unha interesante oportunidade, pois pódense diferenciar dúas sub-bacías hidrográficas nas que a poboación é moi diferente (relación 2,6 a 1) pero a carga gandeira é case idéntica: a sub-bacía do Antela (vermello no mapa seguinte) e a sub-bacía do Limia (azul no mapa) augas arriba da confluencia de ámbolos dous ríos. Grazas a esta situación, SGHN plantexou como hipótese a verificar que se a orixe maioritaria dos nitratos fosen augas residuais urbanas mal depuradas debería haber diferenzas importantes para as variables estudadas entre ambas sub-bacías, mentres que se a orixe maioritaria fosen residuos gandeiros as analíticas deberían ser moi similares en ambas sub-bacías.

Agrupando os puntos de mostraxe do estudo en base a criterios xeo-hidrográficos, os resultados indicaban que á chaira limiá chegaban augas limpas das cabeceiras, que se cargaban de nitratos rapidamente na sub-bacía do Limia e, sobre todo, do Antela, para logo diminuír augas abaixo da súa confluencia, seguramente por procesos de auto-depuración grazas á vexetación acuática da canle e tamén á achega de augas máis limpas antes (ríos Bidueiro e Fírbeda) e despois de abandonar a chaira (río Cadós, augas turbinadas ás Conchas desde o encoro do Salas). Tendo en conta os datos demográficos e de carga gandeira de cada zona, as análises isotópicas tampouco encaixaban cunha procedencia maioritaria de augas residuais urbanas mal depuradas pero si cunha orixe gandeira.
Os promedios máis elevados de nitratos rexistráronse nos puntos CSIC-13 (charca areeira) e CSIC-6 (na chaira de Antela) salientados no mapa.
O punto de mostraxe CSIC-6 na canle de Antela sitúase apenas 1 km augas abaixo do macro-complexo gandeiro de COREN na Pedra Alta constituído por 28 naves de polos e porcos, ao que SGHN alegara sen éxito na primavera de 1998. Cunha carga gandeira de 2.250 UGM, esta macro-instalación de gandería industrial equivale por si soa, en canto a produción de excrementos, a unha poboación de máis de 46.000 persoas, é dicir, unha cifra 23 veces maior que os habitantes de todas as poboacións existentes augas arriba do punto CSIC-6. Na mesma parcela situábase unha planta de tratamento de xurros denominada ‘Centro Tecnolóxico Medioambiental’ (CTM) construída pola Sociedade Galega de Residuos Ganaderos (de COREN e Caixa Galicia) e que estivo en funcionamento entre 2007 e 2014. En contraste co saudable bosque do seu cartel, os piñeiros da sebe cortaventos que existía a carón do CTM foron esmorecendo ata morrer dende a construción do CTM.

O punto de mostraxe CSIC-13, situado nunha charca areeira, estaba nunha zona con pouca actividade agrícola e afastada de núcleos de poboación pero a 400 m dun xigantesco depósito de esterco de galiña (galiñaza) ao aire libre e directamente sobre a terra. Na ‘tempada baixa’ de demanda agrícola destes abonos orgánicos, en nas dúas hectáreas de superficie chegaban a amorearse ata 600-800 toneladas de galiñaza. O problema ambiental agravábase porque boa parte da “tempada baixa” coincide cos meses máis chuviosos e sucedía o esperable: a choiva infiltrábase polos montóns de galiñaza que fermentaban á intemperie e orixinábanse negros lixiviados cargados de nutrientes (seguramente tamén de antibióticos e hormonas) que pasaban directamente á rede de drenaxe e así ás augas superficiais e subterráneas, comezando polas charcas areeiras máis próximas.

2015
Aínda que no Plan Hidrolóxico para o ciclo 2009-2015 se afirmaba que “na masa de auga subterránea 011.006 Xinzo de Limia non habería problemas de contaminación por nitratos”, no informe de seguimento obrigatorio pola ‘Directiva nitratos’ correspondente ao cuadrienio 2012-2015 remitido por España á Unión Europea obsérvase claramente que os excedentes de nitróxeno na bacía do Limia se situaban entre os máis altos do estado, chegando a exceder os 170 kg/ha/ano.
No Plan Hidrolóxico 2009-2015, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil establecía como obxectivos manter o bo estado medioambiental da masa de auga subterránea ‘011.006 Xinzo de Limia’ e acadar un bo estado químico e ecolóxico para os cursos fluviais da chaira de A Limia en 2015 e para o encoro de As Conchas en 2021.
2016
Os mapas do Plan Hidrolóxico 2016-2021 amosan que a bacía do Limia destaca por soportar, con diferenza, as maiores cargas gandeiras para aves e porcino e as maiores achegas de nitróxeno e fósforo pola cabana gandeira. Malia estas circunstancias contrastadas e que a masa ‘011.006 Xinzo de Limia’ é un dos tres acuíferos que amosan unha vulnerabilidade ‘moderada’ á contaminación por nitratos, a Confederación Hidrográfica segue a considerar que o seu estado químico por nitratos se mantén como ‘bo’. Pola contra, recoñece que non se acadaron os obxectivos ambientais para os cursos fluviais da chaira da Limia polo que “haberase de pospor ata o ano 2021, polo momento, para o cal se solicita a oportuna prórroga (á Unión Europea)”.
Outono de 2018
Cando xa van 55 escritos infrutuosos de SGHN ás administracións ‘competentes’, as analíticas oficiais de augas subterráneas facilitadas pola Confederación Hidrográfica revelan un empeoramento sostido dos niveis de nitratos con valores que exceden o límite legal de auga potable incluso en captacións dedicadas a abastecemento humano.

A comezos de novembro, SGHN presenta unha primeira denuncia diante da Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense contra persoal responsable das autorizacións ambientais de granxas na cabeceira do Limia ao entender que podería existir neglixencia ou deixamento de funcións e ser constitutivas dun delito contra o medio ambiente e a saúde das persoas. A Fiscalía arquivouna, ao igual que as catro posteriores.
Coincidindo co 40 aniversario da constitución que consagra o dereito a un medio ambiente san, SGHN dirixe unha carta aberta ao Presidente da Xunta de Galicia informándoo da degradación das augas na bacía do Limia e das demandas de SGHN: “Diante desta grave situación desexamos, en primeiro lugar, que os organismos responsables recompilen, comproben e cotexen a información dispoñible. Desexamos tamén que ningún político intoxique a opinión pública con mensaxes demagóxicas como a que recentemente fixo vostede sinalando ‘Se pechamos COREN, pechamos a provincia de Ourense’. O modelo agrogandeiro de COREN non é o único posible e, en calquera caso, que se saiba ninguén está a pedir o peche de COREN. Simplemente, SGHN está a reclamar, ALTO E CLARO, o dereito a unha Limia limpa e ao acceso a auga potable. Para iso, é imprescindible que as granxas cumpran a normativa legal da que vostede, como Presidente da Xunta de Galicia, debera ser o máximo garante na nosa terra.”
O día 27 de novembro, grazas ás xestións da eurodeputada Lidia Senra, representantes do MEL e da SGHN reúnense en Bruxelas con responsables do seguimento da contaminación das augas e do cumprimento da ‘Directiva nitratos’ para informarlles de primeira man sobre a situación dos cursos e masas de auga da Limia e a contaminación xerada pola pésima xestión dos residuos da gandería industrial, cun crecemento vertixinoso na comarca nos vinte anos anteriores.
Menos dunha semana despois, o 3 de decembro ADEGAL – Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia, con subvencións regulares da Deputación de Ourense (45.000 € en 2025) – envía un burofax persoal ameazante ao Presidente de SGHN: “Diríxome a vostede coa intención de comunicarlle de xeito fidedigno o estudo de accións xudiciais contra a súa persoa en reclamación dos danos e prexuízos ocasionados por vostede co motivo das informacións vagas, inconcretas e xeneralizadas, vertidas en diferentes medios de comunicación e redes sociais en días pasados … con base unicamente en informacións inveraces, inexactas, sensacionalistas e xeneralizadas… Igualmente lle requirimos o cese na utilización pola súa parte de datos, imaxes ou informes terxiversados que en modo algún responden á realidade.” O compañeiro do MEL Manuel García recibe outro semellante. Malia que a ameaza non lles funcionou en absoluto, ADEGAL nunca se atreveu a presentar tal demanda.
2019
No informe de seguimento esixido pola ‘Directiva nitratos’ do cuadrienio 2016-2019 remitido por España á Unión Europea obsérvase que na cabeceira da bacía do Limia o incremento da concentración anual de nitratos nas augas superficiais con respecto ao período 2012-2015 é ‘forte’ (aumento maior de 5 mg/l). Malia iso, a Confederación Hidrográfica non activa o proceso de declaración de augas afectadas.
2020
Os resultados das analíticas oficiais das augas para abastecemento nos concellos limiaos, solicitados por SGHN á Consellería de Sanidade, revelan un incremento sostido das concentracións de nitratos entre 2017 e 2019 (non hai datos anteriores) e que se excedeu o límite legal de 50 mg/l de nitratos para auga potable no 25% das datas con análises en Vilariño das Poldras, o 33% en Piñeira de Arcos, o 50% en Cortegada e Sandiás e o 71% en Cardeita. Non sempre se advertiu ás poboacións afectadas. Desde que SGHN divulgou estes resultados a Dirección Xeral de Saúde Pública non volveu a facilitarlle máis datos, pese a solicitarllos en 2023 e 2024.

Investigadores da Universidade de Vigo publican na revista científica ‘Agriculture, Ecosystems & Environment’ os resultados dun informe encargado pola Confederación Hidrográfica. No artigo salientan que “De acordo cos resultados isotópicos, … a fonte máis probable dos nitratos na conca do río Limia é a aplicación de esterco ou xurro á terra, que son subsecuentemente arrastrados aos cursos de auga por lixiviación ou escorrentía”. Noutro artigo na mesma revista, este grupo de investigadores publica as análises de augas en 76 pozos privados profundos e 26 afloramentos naturais do acuífero na cabeceira do río Limia. Os seus resultados estarrecedores revelan excesos sobre o límite legal de nitratos para auga potable (50 mg/l) no 55-60% das mostras de auga de pozo (con valores ata 329 mg/l) e no 10-14% das augas de mananciais (ata 114 mg/l).
2021
Cando SGHN leva presentados 81 escritos diante das autoridades ‘competentes’ o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) xulga a demanda contencioso-administrativa duns veciños de Rairiz de Veiga contra a declaración de impacto ambiental (DIA) autorizando a ampliación dunha granxa case ata as portas da súa casa. .
Cunha demoledora sentenza do 19 de novembro, o TSXG anula a DIA da granxa por sete motivos en cinco dos cales baséase extensivamente nos argumentos reiterados por SGHN unha e outra vez durante 23 anos.
2022
As análises da auga subterránea feitas para o MAGRAMA nas 40 sondaxes realizadas na chaira da Limia para os novos plans de regadío amosan niveis ecoloxicamente preocupantes de nitratos nun 22% dos casos e de fosfatos nun 88% das mostras. Polo seu contido en fósforo, cada litro de auga subterránea na chaira limiá bastaría para provocar directamente a eutrofización de ata 35 litros de auga do encoro das Conchas.
Os datos oficiais facilitados á SGHN pola Confederación Hidrográfica revelan que a contaminación por nitratos nas augas subterráneas da Limia está a empeorar de maneira sostida. No trienio 2020-22 a frecuencia de mostras analizadas a piques de ser legalmente ‘non potables’ (un 15,0%) triplicou a dos trienios anteriores mentres que a de mostras ‘non potables’ (un 6,3%), duplicou ou triplicou as de trienios anteriores.

Na avaliación do estado das masas de auga feito para o ciclo 2022-2027 do Plan Hidrolóxico recoñécese o incumprimento dos obxectivos fixados no primeiro ciclo (2009-2015) ao non acadarse o bo estado ecolóxico para os cursos fluviais da chaira da Limia en 2015, nin no encoro das Conchas en 2021. Peor aínda, o Plan Hidrolóxico ten que recoñecer que, lonxe de manter o bo estado medioambiental da masa de auga subterránea ‘011.006 Xinzo de Limia’, esta é a única masa de auga subterránea da demarcación hidrográfica cun estado global que empeora de ‘bo’ a ‘malo’ “consecuencia do estado químico por nitratos ‘malo’ detectado en varios puntos de control“.
O 24 de maio o MITECO publica o novo mapa de augas afectadas pola contaminación por nitratos o cal, por fin, inclúe o encoro das Conchas, polo que comeza a correr o prazo de tres anos para que a Xunta de Galicia declare como zona vulnerable a cabeceira do Limia ata o encoro. A Xunta informa que esgotará dito prazo.
2024
Alertada polo MEL, a Confederación Hidrográfica analiza o contido en nitratos nas augas en cinco puntos do concello dos Blancos e tres de Xinzo de Limia. Os valores foron normais só nun punto, en dous superábanse os niveis legais para declarar augas afectadas e nos cinco restantes (dous deles con auga da traída de Os Blancos) excedíase o límite legal para auga de consumo
Cun custo de 1,9 millóns de euros, a Confederación Hidrográfica comeza en outono a demolición do encoro de Gudín, inservible para o seu fin de abastecemento humano dende 2012. En total, máis de 2,5 millóns públicos gastados en facer e desfacer unha obra inutilizada en menos de 18 anos pola contaminación difusa.

Primavera de 2025
Tras esgotar o prazo de tres anos para declarar ‘zona vulnerable’ a cabeceira do río Limia, a Xunta de Galicia anuncia que tamén esgotará o prazo de dous anos para elaborar o obrigatorio ‘plan de actuación’. En total, polo de agora, cinco anos máis perdidos antes de comezar a resolver o problema.
O 26 de marzo, co imprescindible e inestimable apoio dun equipo de avogados nacionais e internacionais, un grupo de veciños do poboado das Conchas -ao carón do encoro homónimo- presenta unha demanda pioneira contra a Xunta de Galicia, a Confederación Hidrográfica e cinco concellos por vulneración dos dereitos fundamentais á vida privada e familiar, ao domicilio e á propiedade pola contaminación na cabeceira do río Limia debida a proliferación incontrolada de granxas industriais.
Ao tratarse dun caso de violación de dereitos fundamentais, todos os prazos do proceso legal redúcense drasticamente. Así, o 13 de xuño ten lugar a vista na que interviron os peritos da parte demandante para ratificar os informes periciais sobre a orixe e as consecuencias da contaminación na bacía do Limia.
Para demostrar que a orixe maioritaria da contaminación por nitratos e fosfatos na bacía do Limia é a gandería estabulada basta con empregarcase exclusivamente datos oficiais ou publicados en revistas científicas, xa que logo imposibles de rebater polas administracións demandadas.
Os datos incluídos no Plan Hidrolóxico 2022-2027 indican que a presión difusa por escorras urbanas /rede de sumidoiros na conca española do Limia é das máis baixas de toda a demarcación hidrográfica Miño-Sil. Ademais, o Plan Hidrolóxico recolle que mentres os excedentes de nitróxeno e fósforo debidos á gandería non estabulada son dos máis baixos de toda a demarcación, os da gandería estabulada son dos máis elevados e multiplican por máis de 10 os debidos á agricultura.
As cifras oficiais sobre as respectivas contribucións que as distintas presións difusas teñen sobre os excedentes de nitróxeno e fósforo -responsables da contaminación por nitratos e da eutrofización das masas de auga superficiais- encaixan perfectamente coa evolución da poboación humana e da carga gandeira na parte española da bacía do Limia durante os últimos 70 anos. O encoro das Conchas mantívose oligotrófico e con (moi) boa calidade das súas augas durante máis de corenta anos, cando augas arriba do muro de presa a poboación humana era 2,5 veces maior que a actual e, ademais, o tratamento das augas residuais era mínimo ou inexistente, pero a carga gandeira era moi inferior. A calidade das augas do encoro deteriorouse moi rapidamente durante os últimos 30 anos ata o seu estado (hiper)eutrófico actual coincidindo exactamente cun enorme incremento da carga gandeira, que se cuadriplicou amplamente nese período. Tendo en conta que a produción de residuos fecais por unha Unidade de Gando Maior ou Total (UGT) equivale á de 15-20 persoas, a carga gandeira na bacía do Limia ata a estación SAICA de control de calidade das augas en Ponteliñares sería equivalente á de 1,5-2 millóns de persoas, cando a poboación humana é de só 21.000 habitantes. Aínda que todas as augas fecais dos núcleos de poboación se vertesen sen depurar (o cal non é en absoluto certo), a súa contribución ao problema da contaminación por nitróxeno e fósforo sería de apenas o 1-1,5% do total.

Por outra banda, que as administracións denunciadas eran sabedoras do problema é un feito irrefutable pois hai máis de oitenta escritos de SGHN presentados por rexistro ao longo de máis dun cuarto de século. Que as administracións ‘competentes’ non adoptaron medidas minimamente eficaces para resolver o gravísimo problema da contaminación tamén é fácil de demostrar.
No “Proxecto de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental da contorna do encoro de As Conchas” a Confederación Hidrográfica investiu máis de 59.000 € en 2013 pero adicou o 96% do orzamento a acondicionar e mellorar zonas de baño e tan só un 4% a “actuacións sobre a masa de auga do encoro para a mellora das condicións de calidade”, actuacións reducidas a un ridículo 0,004% da superficie do encoro (que ten 634 hectáreas) instalando 130 ‘maceteiros flotantes’ de 2 m2 cada un, seica agardando o milagre de que eses 260 m2 de vexetación acuática fosen quen de depurar o que non pode o millón de metros cadrados de vexetación existentes nos cursos fluviais augas arriba.
No “Proxecto LIFE Regenera Limia” coordinado pola Confederación Hidrográfica, coa participación da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación de Ourense, ECO-LAGUNAS, COREN (aportando xurros) e Gas Natural (cofinanciando algo pois estaba interesada en facer a central de bombeo reversible entre os encoros das Conchas e Salas), investíronse 2,2 millóns de euros cun 50% de fondos europeos. O “sistema de lagoas artificiais para tratamento de xurros de porcino” non se chegou a realizar, seica porque non era doado (ou era imposible) atopar un punto que fose axeitado e no que se cumprise a distancia mínima esixida por sanidade animal respecto a granxas de porcos existentes. Por outra banda, sendo ben optimistas, as actuacións para “mellora da capacidade de retención e asimilación de nutrientes nas masas de auga” -con illas flotantes en charcas areeiras conectadas ao canal de Antela e a reconexión dun antigo meandro do Limia- terían conseguido incrementar uns 4.700 m2 a superficie de vexetación acuática, é dicir, ao redor dun 0,5% con respecto á xa existente.
Xullo de 2025
Con data 11 de xullo, nunha sentenza pioneira en Europa, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia establece que a contaminación xerada pola proliferación de granxas na cabeceira da bacía do Limia:
- Supón “a vulneración dos dereitos fundamentais dereito á vida e na súa relación co dereito á intimidade e á inviolabilidade do domicilio, á propiedade (art. 33.1 CE) vinculados ao goce da auga, todos eles en relación co dereito ao goce dun medio ambiente saudable e adecuado ás necesidades das persoas do art. 45 da Constitución Española”.
- Débese “á inactividade das Administracións Públicas demandadas (Xunta e CHMS), que a pesar de coñecer a situación e estar legalmente obrigadas a iso, non foron capaces de poñer remedio algún”.
Como na sentenza do 19/11/2021 que anulou a DIA dunha granxa en Rairiz de Veiga, os argumentos reiterados unha e outra vez por SGHN e ignorados polas administracións ‘competentes’ resultan decisivos para que o TXSG dite esta sentenza pioneira en Europa.
Entre as actuacións de restauración do medio, a sentenza considera necesaria “A adopción dunha moratoria específica para a tramitación e concesión de novas licenzas e autorizacións ou calquera outro título autorizatorio para a instalación das explotacións gandeiras de porcino, vacún ou avícola ou para ampliar a capacidade das existentes na comarca da Limia, polo menos ata que a situación de degradación ambiental se teña revertido.” Xusto o que SGHN pedira á Xunta en decembro de 2008.
A anterior é unha moi boa noticia, pero, ademais do negacionismo da Xunta, hai dúas malas noticias. A primeira é que a carga gandeira na cabeceira do Limia duplicouse dende o primeiro escrito de SGHN en 1998 e aumentou un 25-30% entre a solicitude de moratoria en 2008 e a actualidade, polo que hai moitas probabilidades de que agora unha simple moratoria sexa insuficiente e haxa que adoptar medidas máis drásticas e dolorosas.
A segunda mala noticia é que, mesmo adoptando medidas eficaces, reverter a contaminación do acuífero da Limia por nitratos e a eutrofización do encoro das Conchas vai levar bastante tempo. Máis dun cuarto de século de contaminación desbocada non vai desaparecer por arte de maxia. Por facernos unha idea, para moitas zonas vulnerables en España o MITECO estima que farán falla máis de vinte anos.
Lonxe de caer no desánimo, o que hai que facer é poñerse mans á obra: canto antes comecemos, antes lograremos o obxectivo de desfrutar unha auga limpa na Limia (e nas outras zonas vulnerables de Galicia).