Gómez Besteiro insta a Alfonso Rueda a denegar de inmediato a autorización industrial de Altri

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou onte ao presidente da Xunta que poña fin dunha vez á “farsa” de Altri e denegue de inmediato a autorización administrativa e industrial necesaria para a instalación da planta de fibras téxtiles en Palas de Rei, ao tratarse dunha iniciativa inviable técnica, ambiental e economicamente.

Ao inicio da rolda de prensa, o voceiro do Grupo Parlamentario Socialista referiuse tamén ao novo atentado contra a sede do PSdeG en Lugo, “o segundo en quince días, e nesta ocasión, ademais, con mensaxes explícitos, ultras e absolutamente intolerables”.

“Pretenden intimidar e facer calar aos socialistas, pero non o van conseguir”, advertiu Besteiro, quen denunciou tamén que “a ultradereita avanza sempre cando encontra unha dereita compracente, unha dereita covarde”.

Tras esa condena, Besteiro anunciou que o Grupo Parlamentario Socialista acaba de rexistrar no Parlamento unha iniciativa que insta ao Goberno galego a rexeitar formalmente a autorización industrial do proxecto de Altri en Palas de Rei.

“Non hai escusas para non desautorizalo”, afirmou, logo de que non recibise “absolutamente ningunha axuda porque non cumpría os requisitos de descarbonización”, de que se lle denegasen fondos para proxectos innovadores e de que, agora, a súa conexión eléctrica tampouco encaixe na planificación.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios