Para abordar os problemas en Galiza, nas xornadas de traballo participarán a eurodeputada Ana Miranda e o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo.
Os vindeiros 1 e 2 de outubro o Parlamento Europeo acollerá unha conferencia sobre o acceso a unha vivenda digna e asequible organizada polo BNG na Eurocámara e o grupo Verdes-Alianza Libre Europea. Estas xornadas de traballo contarán cunha ampla delegación de representantes de toda Europa, entre os que participarán a eurodeputada Ana Miranda, -coorganizadora do evento- e o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo.
“A vivenda é unha das principais preocupacións das galegas e galegos, das europeas e europeos e temos que ser capaces dar resposta rápida a este problema”, salienta a eurodeputada galega, quen explica que na conferencia debaterase sobre os retos e as posibles solucións para garantir que a Unión Europea desbloquee o poder das autoridades locais para que se convertan nos principais actores que avancen cara a unha vivenda asequible, sostible e digna na UE.
Neste sentido Ana Miranda considera importante que o Plan Europeo de Vivendaestea en proceso de elaboración, para poñer en valor as experiencias reais que abordan este problema, como pode ser o caso de Lugo, e demandar accións claras e marcos vinculantes legalmente para asegurar unha resposta rápida, pero tamén sostíbel, adaptada aos diferentes contextos locais.
Liñas de actuación do BNG
Precisamente o tenente de alcalde de Lugo falará da importancia das autoridades locais e rexionais como principais actores e garantes dunha vivenda asequible,sostible e digna na UE. Neste sentido, Rubén Arroxo explicará as principais iniciativas desenvolvidas neste ámbito no obxectivo de “garantir o acceso a unhavivenda digna como dereito universal para toda a veciñanza» nunha cidade cun centro históricos que é Patrimonio Mundial da UNESCO.
En concreto, Arroxo explicará que a proposta do BNG artéllase en tres grandes liñas de actuación: a ampliación do parque público de vivenda, centrando a atención na vivenda protexida; a intervención no mercado libre para limitar o prezo do alugueiro; e a creación dunha rede de protección social que asegure que ninguén quede sen un lugar onde vivir.
A conferencia que se celebrará en Bruxelas e tamén contará co Comisario de Vivenda e outros representantes municipais, abordará ademais outros aspectos de gran relevancia no problema de acceso á vivenda, como son o acceso a financiamento directo da UE, en tanto que a política de cohesión debe converterse nun motor real para unha vivenda asequible, sostíbel e digna en todos os territorios da UE.
En segundo lugar, falarase de garantir tipos de interese do 0% a través dunha plataforma de investimento para vivenda asequible e sostíbel ou directamente do Banco Europeo de Investimento (BEI) para préstamos a longo prazo. E en terceiro lugar debaterase da necesidade permitir a introdución de moratorias temporais na adquisición de vivendas para fins non residenciais ou de mero investimento.
Toda a información sobre estas xornadas de traballo pode consultarse na ligazón https://crm.greens-efa.eu/-housing-conference-october