A Deputada do BNG no Parlamento Galego Montse Valcárcel anunciou que o BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento para apoiar a Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo. Segundo Valcárcel, «este centro leva máis de 50 anos formando profesionais cualificados para todo o sistema sanitario e académico en toda Galiza, con alta demanda e recoñecemento».
A Xunta e a USC están a traballar para integrar a Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo como unha sección subordinada da Facultade de Santiago, «o que suporá unha perda de autonomía organizativa, capacidade de xestión e peso para Lugo como cidade universitaria», explicou Valcárcel, que engadiu «desde os colexios sanitarios, o profesorado do centro, a Academia Galega de Enfermaría e mesmo desde a administración local, coinciden en que a escola debe manter esa estrutura independente, adaptada á realidade sanitaria e social da provincia». Segundo Montse Valcárcel, «outras universidades do estado manteñen escolas e facultades duplicadas sen problema, polo que consideramos que se debe conservar esa autonomía en Lugo».
O BNG reclamará que a Xunta e a USC reconsideren a proposta de integración e garanta o mantemento da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo como centro autónomo, con identidade e capacidade de xestión propias, adscrito á USC «en condicións de igualdade e respecto aos demais centros propios da institución», explicou.
Na proposta do BNG ínstase á Xunta a garantir o mantemento da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo como centro autónomo, e a garantir que calquera modificación estrutural conte co acordo do claustro de profesorado, colexio profesional e demais representantes do sector sanitario lucense.