O Concello de Corcubión anima a sumarse á convocatoria veciñal para reivindicar a apertura do centro de día

O equipo de goberno de Corcubión, encabezado polo alcalde, Francisco Xabier Domínguez Traba, vén de anunciar que o Concello anima a sumarse á concentración veciñal para reivindicar a apertura do centro de día, que foi convocada pola “Plataforma Xuntos polo Centro de Día” para este mércores 1 de outubro, ás 19:00h, diante do edificio que está preparado para acoller o servizo, e aproveitando que a data coincide coa celebración do Día Internacional das Persoas Maiores.

O goberno municipal de Corcubión sinalou que se sumarán á convocatoria, e fai un chamamento á veciñanza para que a apoie e dea respaldo á lectura do manifesto que foi consensuado e aprobado por unanimidade no pleno da corporación.

O equipo de goberno subliñou que o Concello leva traballando arreo desde o inicio do mandato para que a Xunta asuma a súa responsabilidade e poña a funcionar o centro de día. Neste senso, lembrou que levou a cabo no último ano e medio varias reunións con responsábeis do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, constatando a negativa do goberno galego a facerse cargo da apertura do centro de día.

Ademais, desde o executivo liderado por Xabier Domínguez impulsouse na pasada primavera unha campaña de recollida de firmas entre os veciños e veciñas, recollendo máis de 1.300 sinaturas, que foron entregadas no Parlamento galego polo alcalde e a concelleira de Servizos Sociais o pasado 4 de agosto. O alcalde de Corcubión reiterou que “agora o que falta é que a Xunta asuma a apertura”, e incidiu en que “seguimos agardando a que nos reciba a conselleira de Política Social, Fabiola García, logo de varias peticións de reunións que lle fixemos desde o equipo de goberno”.

Xabier Domínguez insistiu que o Concello reiterará a solicitude dunha xuntanza coa conselleira, e seguirá loitando para que o centro de día sexa unha realidade o antes posible. O rexedor corcubionés manifestou “a necesidade de que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar xestione un servizo que é esencial para o noso municipio e a comarca, e denunciou “un trato discriminatorio con Corcubión, pois o Consorcio xa leva 64 centros de día en diferentes lugares de Galiza, e a Xunta vén financiando a construción doutros en varios concellos”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios