O libro “25 anos de sindicalismo en Citroën. 1977- 2002” foi presentado onte en Santiago

O salón de actos de UGT-Galicia acolleu onte o acto de presentación do libro “25 anos de sindicalismo en Citroën. 1977- 2002” que correu a cargo do seu autor, Jovito Rivas, quen fora secretario xeral da Sección sindical de UGT en Citroën durante máis de 20 anos; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e do director da editorial que está ao fronte da publicación “Edicións Ir Indo”, Xelasio Suárez.

Ademais, no acto tamén participaron os secretarios xerais de UGT-Galicia e UGT- FICA-Galicia, Cristóbal Medeiros e Javier Carreiro, respectivamente, e varios membros de ambas Executivas, doutras federacións e da Unión de Compostela-Barbanza.

Neste libro nárrase a evolución do sindicalismo na factoría de Citroën Vigo, fitos, tensións, logros, dificultades, con especial atención ao movemento obreiro, os dereitos laborais e a identidade dos traballadores e traballadoras.

A publicación está organizada cronoloxicamente e dividida en capítulos que cobren distintos períodos entre 1977-2002. Explícase como se foron asentando os sindicatos na planta, cales foron os seus dirixentes, accións legais, folgas, convenios, procesos de negociación relativos a salarios, xornada…. Tamén se detallan testemuñas e experiencias persoais, moitas delas de primeira man referidas ás vivencias do propio autor.

“25 anos de sindicalismo en Citroën. 1977-2002” tamén se converte nunha fonte de relato do contexto social e político dos anos que aglutina, transición, reconversión industrial, cambios económicos, cambios nas políticas laborais ou como discorreu a política local e nacional nos 25 anos que abrangue a narración.

Así, o libro arranca co final do franquismo, coa transición, onde xurde a legalización dos sindicatos e a articulación da voz dos traballadores e traballadoras cando mudan as regras do xogo político.

En canto á reconversión nos anos 80, nárrase como Citroën, como moitas outras fábricas en España, sufriu os efectos da crise, os cambios nos mercados, a necesidade de adaptación, a presión dos custos… e como todo isto impactou de cheo nos traballadores e traballadoras e nas propias negociacións sindicais.

E, como non, o libro tamén ten espazo para contar cal foi o papel da UGT en todo este contexto e do propio autor, Jovito Rivas.

O autor pretende que este libro se converta nunha homenaxe aos traballadores e traballadoras que co seu esforzo e loita conseguiron que Vigo se identificase con Citroën como parte da súa identidade. Pero tamén se constitúe nunha crónica crítica porque tamén se describen as tensións, as derrotas, os obstáculos legais, as resistencias da empresa a certos cambios ou as dificultades para manter a solidariedade en determinados momentos entre os traballadores e traballadoras.

Todos os que interviñeron no acto coincidiron en que este libro convértese nunha fonte histórica moi valiosa para entender como evolucionaron as relacións laborais nunha gran empresa automobilística en España nun contexto de cambio político, económico e social.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios