O mércores día 1 de outubro, unha delegación do Partido Galeguista, encabezada por Francisco López «Chesqui», acompañará a Yolanda Díaz Gallego na recepción que lle tributará o Concello de Rianxo, na figura do seu alcalde e demais membros da Corporación.
Yolanda Díaz é unha muller que ten amosado ao longo de setenta anos (1955-2025) un compromiso permanente coa nosa Terra e cos círculos culturais da comunidade de emigrantes galegos no Uruguai. A súa achega é fundamental: colaborou na creación do Padroado da Cultura Galega de Montevideo (1964) e en proxectos que hoxe son un referente para a Galicia Universal, como o programa de radio «Sempre en Galiza» ou a organización das Primeiras Xornadas de Cultura Galega.
Díaz formou parte do Banco de Galicia creado no Uruguai dende que abriu as súas portas o 25 de xullo de 1956, cando ela tiña 22 anos, tras rematar a carreira de Perito Mercantil na Coruña aos 18. A partir desa data, a súa vida transcorre arredor do Banco de Galicia e da defensa da identidade da Nosa Terra. Tamén formou parte do grupo do Teatro Popular Galega.
Ademais, Yolanda Díaz transcribiu os dous primeiros volumes da «Historia de Galicia», dirixida por Ramón Otero Pedrayo e editada en Montevideo (volumes 1º e 2º) e en Bos Aires (volume 3º). Estas obras, como moitas outras, foron financiadas polos emigrantes galegos, neste caso polo empresario residente na Arxentina Manuel Puente.
No ano 1975, viaxa a Galicia xunto a Fernando Pereira —quen máis tarde sería o Alcalde de Soutomaior—, verdadeiro artífice da homenaxe a Castelao consistente na colocación do busto que o Primeiro Presidente de Galicia ten no paseo marítimo da vila de Rianxo.
Serían necesarias moitas páxinas para describir o inmenso labor que Yolanda Díaz Gallego fixo en prol da nosa Terra. Parte desa vida pódese ler no libro que escribiu en 2023, «Decidín desvelar o proceso», co que agasallará os colexios e a biblioteca da vila onde naceu o noso guía, o Presidente Castelao.
Francisco López «Chesqui», Secretario Xeral do PG, recoñece o inxente labor da persoa homenaxeada, unha galeguista que deu todo por Galicia. «Unha vez máis, os galeguistas estaremos á beira de Yolanda, facendo xustiza co noso recoñecemento a unha muller da que todos os cidadáns desta querida Terra chamada Galicia debemos sentirnos moi orgullosos. Para os homes e mulleres do Partido Galeguista, Yolanda Díaz Gallego forma parte xa daquela xeración irrepetible de ‘bos e xenerosos’ que fixeron posible a Galicia na que nos tocou vivir.