O sindicato Solidariedade Obreira anuncia o seu apoio á proposta da Central Unitaria de Traballadores (CUT) de convocar unha folga xeral en Galiza o 15 de outubro como resposta ao xenocidio que está a sufrir o pobo palestino por parte do Estado de Israel coa complicidade das potencias occidentais.
Ao igual que o 27 de setembro do 2024, Solidariedade Obreira volvemos a secundar e convocar esta folga xeral, porque seguimos a pensar que a clase traballadora galega non podemos permanecer allea a un crime contra a humanidade que se desenvolve diante dos ollos de todo o mundo. “A solidariedade internacionalista é unha obriga. Palestina convértese hoxe no espello da loita contra a barbarie e pola dignidade dos pobos”.
O sindicato fai un chamamento ao conxunto de forzas sindicais, organizacións sociais, políticas, estudantís, culturais e populares a sumarse a esta convocatoria, para construír unha resposta unitaria e masiva que faga visible en Galiza un berro claro:
“Folga xeral en solidariedade con Palestina. Non ao xenocidio, non á complicidade dos gobernos, non á barbarie.”
Así mesmo, Solidariedade Obreira chama á participación activa de traballadores/as, persoas desempregadas, pensionistas, precarias e mocidade, entendendo que a loita polos dereitos laborais e sociais vai da man da loita contra a opresión e o exterminio doutros pobos.