Tomé recibe á nova subdelegada do Goberno, Olimpia López, e promete “sumar esforzos” polo desenvolvemento de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a nova subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, que comezou a desempeñar o seu cargo a semana pasada.

No que foi o primeiro encontro institucional entre ambos os mandatarios, Tomé deulle a benvida á nova subdelegada e desexoulle éxito nesta nova etapa. O presidente provincial reafirmou a súa vontade de «sumar esforzos para desenvolver proxectos que beneficien aos veciños e veciñas e impulsen o desenvolvemento social e económico da provincia».

Tomé Roca tamén se mostrou convencido de que «a relación e a colaboración entre ambas administracións seguirá a ser moi boa».

Durante a recepción, que incluíu unha reunión privada, Tomé fíxolle entrega a López dun exemplar da publicación sobre a historia do Pazo de San Marcos. A Subdelegada tamén asinou no Libro de Ouro da institución provincial.

Iolanda López tomará posesión oficial do seu nomeamento nun acto institucional que se celebrará este mércores na Subdelegación do Goberno en Lugo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios