A portavoz popular, Sandra Macía, explica que “este incumprimento con respecto ao acordado ao inicio do mandato vulnera o dereito fundamental dos cidadáns de participar nos asuntos públicos e reduce o dereito dos concelleiros de exercer as súas funcións”.
O alcalde de Ribas de Sil leva medio ano sen convocar os plenos ordinarios incumprindo o acordo do inicio de mandato que establecía a súa celebración cunha periodicidade de dous meses.
Ante este incumprimento reiterado co que se vulnera o dereito fundamental dos cidadáns de participar nos asuntos públicos e se reduce o dereito dos concelleiros de exercer plenamente as súas funcións representativas, o Grupo Municipal Popular presenta formalmente unha queixa ante a Valedora do Pobo.
O Concello non está a celebrar os plenos coa periodicidade acordada. O último, de carácter extraordinario, foi o 9 de maio. E, como lembra a portavoz, Sandra Macía, “a inicios do mandato, no Pleno de organización, aprobouse a celebración da sesións ordinarias do Pleno o primeiro luns de cada mes impar ás 12.00 horas. E esa organización mantívose trala renuncia de Miguel Ángel Sotuela e a elección de Roberto Castro”.
O incumprimento da periodicidade plenaria acordada atenta contra o dereito fundamental recoñecido no artigo 23 da Constitución Española que recolle: “Os cidadáns teñen dereito a participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes, libremente elixidos en eleccións periódicas por sufraxio universal”.
Ademais, o rexedor socialista -que é o encargado de convocar as sesións plenarias- “está a vulnerar o principio de representación democrática” e “impedir que os concelleiros da oposición exerzamos o noso labor de control ao goberno”.
A portavoz popular agarda que a Valedora do Pobo admita a trámite a queixa por vulneración do dereito fundamental de participación política dos concelleiros do Grupo Municipal do PP de Ribas de Sil e dos cidadáns representados. E que requira ao Concello o cumprimento inmediato do acordo plenario sobre a periodicidade dos plenos ordinarios; ademais de emitir as recomendacións necesarias e supervisar o cumprimento das medidas adoptadas.