O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero defendeu a necesidade de seguir traballando conxuntamente Administracións e axentes sociais para avanzar na prevención, sensibilización e detección.
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou esta mañá no acto de inauguración do congreso Mulleres e Democracia: o feminismo como defensa da democracia e no que defendeu que combater a violencia machista é un eixo principal da sociedade democrática, xusta e igualitaria.
Roberto Barba apuntou que todas as Administracións son esenciais para erradicar a violencia contra as mulleres, ao tempo que deben – dixo- garantir a recuperación integral de calquera vítima. Por iso, fixo fincapé na necesidade de seguir impulsando a prevención, a sensibilización e a detección en todos os ámbitos sociais, co obxectivo de que a sociedade teña cada vez máis ferramentas para detectar a tempo o machismo e a violencia.
Neste sentido, o director xeral defendeu a necesidade de seguir traballando conxuntamente entre as Administracións e os axentes sociais, unha colaboración que é clave – recalcou- para avanzar nunha sociedade máis igualitaria. Deste xeito, avanzou que a Xunta seguirá poñendo en marcha medidas específicas para loitar contra a violencia de xénero e para garantir a protección integral das vítimas.
Ademais, Barba lembrou que Galicia foi unha das primeiras comunidades en aplicar cambios normativos para avanzar neste camiño como a posta en marcha das prestacións económicas para as vítimas ou a creación de novos recursos específicos de asesoramento e atención. A isto engadiu que desde a Xunta xa se deron os primeiros pasos para a futura Lei contra a violencia e o acoso dixital, pioneira en España.