A Xunta achega a escolares de Vigo unha nova unidade didáctica do seu proxecto ‘Artesanía na escola’

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata o CEIP Plurilingüe Seis de Nadal para asistir á demostración da zoqueira Elena Ferro, protagonista dunha das unidades didácticas deste programa de divulgación da artesanía.

A Xunta continúa co desenvolvemento do seu programa Artesanía na escola, dirixido a achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata o CEIP Plurilingüe Seis de Nadal de Vigo, para asistir á demostración da zoqueira Elena Ferro, que protagoniza unha das unidades didácticas, Eu son zoqueira. 

Artesanía na escola consiste na creación de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais – poñendo especial atención nos oficios máis tradicionais – e nas que se inclúen unha unidade didáctica en papel que se lle envía aos centros participantes e fichas en formato dixital para poder traballar cos alumnos. Cada unidade didáctica fala dun oficio a través da traxectoria dun artesán ou artesá, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar no programa. 

En concreto, Eu son zoqueira  está centrada no oficio da elaboración tradicional de zocos a través da figura de Elena Ferro, responsable de un obradoiro familiar activo dende o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019. 

Divulgación dos oficios artesáns aos máis novos

Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais —patrimonio cultural e tamén sector económico—, poñendo en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos, divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea e , a longo prazo, atallar o relevo xeracional nos oficios artesanais.

Neste ano 2025 estase a levar aos centros de ensino a segunda das unidades didácticas do programa -Eu son artesán de percusión tradicional, dedicada á elaboración de pandeiretas a través do artesán Xosé Manuel Sanín – e estase a traballar xa noutras unidades temáticas centradas na ourivería compostelá, na cerámica ou na cestería, co obxectivo de ir incrementando a variedade de oficios que se presentan no marco desta iniciativa. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios