A secretaria de Organización do PSdeG e viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, confirmou o apoio total do partido á manifestación convocada para este domingo en repulsa á intervención de Israel en Gaza. A mobilización é en contra do que o PSdeG cualifica de «xenocidio» contra a poboación civil palestina.
Méndez fixo estas declaracións despois de manter un encontro en Santiago co portavoz da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, Sami Ashour, e con representantes da Asemblea de Cooperación pola Paz e Médicos del Mundo. Na reunión tamén participou a portavoz de Cooperación do PSdeG no Parlamento, Paloma Castro.
A responsable socialista asegurou a participación dos socialistas galegos na mobilización e subliñou que o PSdeG apoia todas as manifestacións en solidariedade co pobo palestino, como as concentracións que tiveron lugar onte nas principais cidades galegas.
Lara Méndez criticou ademais a intervención de Israel contra a flotilla solidaria sucedida onte xoves e reclamou de inmediato a liberación dos detidos, entre os que se atopan dous activistas galegos.
As dirixentes socialistas trasladaron o seu apoio á postura do Goberno central, que está a ofrecer «exemplo e liderado» a nivel internacional. Segundo as socialistas, o Executivo sitúa a España «no lado correcto da historia» ao condenar firmemente as actuacións do Estado de Israel.