Gómez Besteiro, no San Froilán de Barcelona: “As linguas son ferramentas de convivencia, non barreiras”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo onte á noite no barrio de Nou Barris (Barcelona) unha firme defensa da solidariedade e a diversidade fronte aos discursos que buscan a división e o odio.

No seu pregón das festas de San Froilán, o líder socialista galego subliñou que as linguas cooficiais son «ferramentas de convivencia», e non barreiras. Neste sentido, reivindicou a normalización do galego, euskera e catalán no Congreso, impulsada polo PSOE e que hoxe se utiliza «con total normalidade».

Unha España plural fronte ao muro

Besteiro defendeu o carácter dun «país diverso que posúe unha riqueza enorme na súa variedade, e que a vive con máis normalidade do que ás veces se quere contar», especialmente nuns tempos onde «semella máis doado odiar que darse a man».

O secretario xeral do PSdeG avogou pola «forza da igualdade e da cooperación» fronte a «os que levantan muros ante o diferente, aos que alimentan o odio ou intentan dividirnos ou enfrontarnos».

O dirixente socialista puxo a propia cidade de Barcelona –e o barrio de Nou Barris, que celebra o San Froilán grazas á Xuntanza de Cataluña e a asociación Amigos de San Froilán– como exemplo desa irmandade:

Galicia e Lugo teñen lazos inquebrantables con Cataluña, unha referencia de pluralidade, acollemento e comprensión onde xeracións de galegos e galegas atoparon un lugar para vivir, traballar e formar parte dunha sociedade que constantemente busca avanzar.»

O líder do PSdeG concluíu celebrando que eses «vencellos entre moitos pobos de España» son cada día «máis fortes porque hai xente que os mantén vivos», demostrando que «a alegría non entende de fronteiras».

Comparte éste artículo
No hay comentarios