O Solgaleo Bosco Salesianos, primeiro rival para os betanceiros
Rematou a espera. Tras varios meses de descanso, a Tercera FEB (antiga liga EBA) volve pórse en marcha. E, máis unha vez, esta categoría estatal de baloncesto vai volver contar co Santo Domingo Betanzos, encadrado no Grupo AB da Conferencia A xunto con equipos galegos, asturianos e de Castela e León. Nesta primeira xornada, o equipo betanceiro visita a pista do Solgaleo Bosco Salesianos, un conxunto que aposta pola continuidade dunha plantilla na que destacan vellos coñecidos na categoría: Guerra Trujillo, Pereira Nieto, Preotu…
Así valora o encontro José Amando “Soviético”, o adestrador dos betanceiros: “O noso equipo vai contar probablemente coa baixa por lesión de Marcos Rozas. Prevese un partido moi igualado entre dous equipos que xa son un clásico na categoría. Despois de 5 semanas de preparación e 4 partidos de Copa Galicia, o equipo chega con moita ilusión e ganas de comezar a competición.
A clave vai estar en dominar o rebote e poder impoñer un ritmo rápido ao partido”.
A cita, o domingo ás 12h no ourensán pavillón dos remedios.
Estrea do sénior feminino e xornada reducida para a canteira
Outra das estreas da xornada ten como protagonista ao sénior feminino. O equipo, adestrado por Lalo Golpe, inicia así a súa participación na Liga de Segunda División Autonómica recibindo na casa ao Montrove o domingo ás 19h. Polo que toca á canteira, a xornada de descanso non alcanza ao infantil masculino de Cyrdega, que se medirá a Laracha Cultiagro o sábado ás 10h no José María Valeiro Iglesias “Tocayo”.