INTERSECCIÓN – Festival Internacional de Cine da Coruña pechou hoxe a súa oitava edición coa lectura do palmarés, nun acto celebrado tras a última xornada de proxeccións. O certame, que consolida a súa aposta polo cinema contemporáneo máis arriscado e diverso, recoñeceu como mellor filme internacional Durian, durian, do director singapurense Nelson Yeo, nunha edición marcada pola potencia estética, a exploración da memoria e a reflexión crítica sobre a realidade social e política.
O palmarés de INTERSECCIÓN 2025 reflicte a diversidade de linguaxes e preocupacións que atravesaron a programación desta edición. O Premio do Xurado da Sección Internacional recaeu en Durian, durian, de Nelson Yeo, unha obra que combina experimentación estética e reflexión política, mentres que a mención especial foi para Real Faces, de Leni Huyghe, pola súa exploración da identidade a través do rexistro íntimo. A belga gañou tamén o Premio Público.
Na Curtametraxe Española da Sección Internacional, o galardón foi para La nostra habitació, de Jaume Claret Muxart, pola súa sensibilidade na construción do relato, e a mención para La sangre, de Joaquín León, que destaca pola súa forza visual e poética.
O Premio do Xurado da Sección Galicia recoñeceu Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, pola súa capacidade de preservar a memoria e transformar o íntimo en universal, mentres que a mención foi para Un sueño de una noche, dirixida colectivamente por Sandra Iglesias González, Claudia de la Iglesia Díez, Bárbara Portilla Santana e Marina Fornies Briceño, polo seu xesto sensible cara á mocidade e o seu imaxinario.
Na Sección Fulgor, o xurado premiou Algunos recuerdos (no) son míos, de Rebecca Tolosa Gilroy, pola recuperación de arquivos vinculados á memoria feminista e a súa
resignificación contemporánea. A mención especial foi para O costume do traballo, de Luis Morla, pola precisión coa que transmite un pasado traumático a través da oralidade.
O Xurado Novo recoñeceu a obra Un sueño de una noche de Sandra Iglesias Gonzalez, Claudia de la Iglesia Diez, Barbara Portilla Santana, Marina Fornies Briceño, un retrato da fugacidad do tempo a través da mirada dos seus protagonistas, tres rapaces de 16 anos.
O Premio NUMAX foi para Alboroque, de Sabrina Fernández Casas, pola súa achega honesta a unha problemática comunitaria e pola súa aposta polo colectivo como camiño de esperanza fronte á destrución.
Dentro de NEXUS, o espazo de industria do festival, entregáronse os premios Impronta, que supón un ano de asesoría a SOS, de Nicolás Martínez; o Premio D’A a Despois de Grecia, de Irene Pin e o Premio Materna a Wólfram, de Sara Gil Méndez.
As obras recoñecidas nesta edición dan conta da liña curatorial do festival, centrada en apoiar propostas que exploran novas formas de narrar e expanden os límites da linguaxe audiovisual. Trátase de filmes que se afastan das convencións máis recoñecibles para investigar outros xeitos de relacionarse co espectador, xa sexa a través da recuperación e resignificación de arquivos, da posta en valor do territorio e a memoria colectiva, ou da creación de espazos de liberdade expresiva para novas xeracións. Estes títulos comparten unha vontade de risco formal e compromiso temático que conecta coas liñas de traballo de INTERSECCIÓN desde a súa orixe: apostar por cineastas que pensan o audiovisual como ferramenta de transformación social e política, ao tempo que ensanchan os horizontes estéticos do cinema contemporáneo.
PALMARÉS COMPLETO DE INTERSECCIÓN 2025
Premio do Xurado – Sección Internacional
- Durian, durian, de Nelson Yeo
Mención especial: Real Faces, de Leni Huyghe
Premio do Xurado á Curtametraxe Española – Sección Internacional
- La nostra habitació, de Jaume Claret Muxart Mención especial: La sangre, de Joaquín León
Premio do Xurado – Sección Galicia
- Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras
Mención especial: Un sueño de una noche, de Sandra Iglesias González, Claudia de la Iglesia Díez, Bárbara Portilla Santana e Marina Fornies Briceño
Premio do Xurado – Sección Fulgor
- Algunos recuerdos (no) son míos, de Rebecca Tolosa Gilroy Mención especial: O costume do traballo, de Luis Morla
Premio do Xurado Novo
- Un sueño de una noche de Sandra Iglesias Gonzalez, Claudia de la Iglesia Diez, Barbara Portilla Santana, Marina Fornies Briceño
Premio NUMAX
- Alboroque, de Sabrina Fernández Casas Premio do Público
- Real Faces, de Leni Huyghe
Premio Contemporánea
- Above All de Enar de Dios
Premio MAV 2025
- Alboroque, de Sabrina Fernández Casas
Premio Impronta
- SOS, de Nicolás Martínez
Premio D’
- Despois de Grecia, de Irene Pin Premio Materna
- Wólfram, de Sara Gil Méndez
Balance da edición
A oitava edición de INTERSECCIÓN consolidou o festival como un dos espazos de referencia para o cinema de vangarda, cunha programación que combinou competicións, retrospectivas, exposicións e o espazo profesional NEXUS, que reuniu a máis de cen profesionais do audiovisual. Un ano máis, o público respondeu con grande interese ás propostas, enchendo as salas e os espazos expositivos da cidade.
A organización agradece o apoio das institucións colaboradoras, das cineastas participantes e do público asistente, e xa traballa na preparación da edición 2026.