O partido comezaba coa ausencia de Marcos Rozas por lesión e de Aarón Gómez por causas de última hora. Porén, e lonxe de resentirse, o equipo de José Amando “Soviético” e Alberto “Jimbo” saíu á pista dos remedios coa idea de reivindicar ese agresivo small-ball da pretemporada e, malia ser notoriamente inferior en altura, con rápidas rotacións e alternancias de liderado en pista, conseguiu deixar case todo atado ao remate do primeiro cuarto, que acabou cun claro 11-26 no marcador. Os betanceiros, que foron por diante todo o partido agás no 2-2 dos primeiros minutos, conseguiron dominar o rebote (42 rexeites fronte a 33 dos ourensáns) e imprimir un ritmo de partido que os locais, cos que debutou o canadiano con nacionalidade irlandesa Alston Garnet Harris, non souberon contrarrestar en ningún momento.
Os 29 puntos de valoración de Jorge Abelleira, os dous dobre-dobre de Luis Portilla (12 puntos e 10 rebotes) e Randolph Acevedo (12 e 11), este último no seu debut da categoría, amais dos 23 puntos de Latas ou a destacada actuación do cadete Arón Espiñeira (9 puntos), informan ben desa actuación coral á que se sumaron tamén Javi González, Dani Martín e o resto de compañeiros sumando intanxibles.
Así valoraba dende Ourense o partido o adestrador betanceiro: “Merecida vitoria fronte a un rival directo pola permanencia. Impresionante partido dos rapaces en defensa, o que nos permitiu anotar con facilidade. Teño que destacar a labor e a actitude dos 11 xogadores sobre a pista. O xogo rápido e o dominio no rebote permitiunos dominar por 20 puntos boa parte do partido, e mesmo achegarnos aos 30 de vantaxe nalgún momento. Esta vitoria ilusiona a todo o equipo para seguir adestrando e afrontar a cita da vindeira semana na casa contra Rosalía de Castro de Santiago”.
Primeira vitoria dos infantís e estrea con derrota do sénior feminino
Polo que respecta ao resto de partidos do club, os infantís de Cyrdega conseguiron a primeira vitoria da temporada, gañando por 67-66 a Laracha Cultiagro, nun encontro que se acabou decidindo por 2 meritorios tiros libres nos últimos segundos do encontro, mentres que as sénior de Grelo, no seu debut fronte a Montrove, non puideron pasar de asinar un 36-53 na tarde do domingo.