A UDC acolle unha conferencia sobre o comercio de emisións da UE a cargo de Beatriz Yordi

A especialista da Comisión Europea abordará en detalle o funcionamento e os retos do réxime de comercio de dereitos de emisión da UE

Este martes, 7 de outubro, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña será o escenario da conferencia de investigación titulada “El régimen del comercio de derechos de emisión de la Unión Europea”, que impartirá Beatriz Yordi Aguirre, directora de Mercados de Emisións e Mobilidade Limpa da Comisión Europea, no marco da Dirección Xeral de Acción Climática.

A cita terá lugar na Salón de Grados 1 ás 11:30 horas e contará cunha duración aproximada dunha hora. A entrada é libre ata completar aforo.

Sobre a poñente

A coruñesa Beatriz Yordi é directora na Dirección Xeral de Acción polo Clima da Comisión Europea, onde desde 2017 é responsable do Sistema de Comercio de Emisións da UE (ETS) e da cooperación internacional en mercados de carbono. O ETS, o maior mercado de CO₂ do mundo, constitúe un piar fundamental do Pacto Verde Europeo e da estratexia de descarbonización da Unión Europea.

Desempeñou un papel central no deseño, concepción e implementación do paquete Fit for 55 da Comisión Europea, traballando na reforma dos mercados de carbono da UE, o aumento da ambición climática, a inclusión do sector marítimo no ETS e a creación dun novo sistema ETS II para cubrir as emisións do transporte por estrada e dos edificios. Así mesmo, liderou as negociacións para a creación do Fondo Social para o Clima, un instrumento clave para garantir unha transición xusta, verde e equitativa.

Ademais, é responsable da Mobilidade Limpa na DG Acción polo Clima, incluíndo todos os sectores e modos de transporte (estradas, aviación, marítimo e ferroviario). Entre os seus expedientes destacan os estándares de CO₂ para automóbiles e furgonetas” e o dossier de vehículos pesados”.

Cunha traxectoria na Comisión Europea desde 1994, Beatriz Yordi foi pioneira na creación e negociación de políticas europeas de enerxías renovables. Participou na elaboración da primeira Directiva de Enerxías Renovables e deseñou un instrumento de financiamento para a Eco-innovación e os negocios verdes, contribuíndo desde diferentes Departamentos da Comisión como a DG Enerxía, DG Medio Ambiente e EASME.

Máis recentemente, encabezou as negociacións climáticas dentro do acordo comercial entre a Unión Europea e o Reino Unido, consolidando o seu papel como unha das voces máis influentes na política climática europea.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios